Practicamente todos os adestradores mantiveron unha boa relación coa prensa. E digo practicamente porque sempre ten que haber unha excepción, e en Lugo hóuboa

Héctor Pardo

Se na primeira parte desta entrevista nos centramos nos inicios de Paco Basanta no baloncesto, na súa transición de xogador a xornalista deportivo e no seu papel como tal, desta volta abordamos con el diferentes temas relacionados co Breogán e a súa historia recente. Así mesmo, coñecemos que protagonistas lle marcaron especialmente ao longo de todos este anos seguindo o día a día do club e tentamos convencelo, con pouco éxito, para que escribise un libro sobre a historia do Breo. Por último, rematamos cun pequeno cuestionario breoganista. Velaquí a segunda parte da entrevista.

Hai anos tentouse facer unha LEB máis forte vencellada á propia ACB, pero os propios clubs semellan non querer.

Hoxe en día, os clubs LEB bastante teñen con sobrevivir. O baloncesto profesional implica converterse en SAD, cubrir un capital mínimo dun millón, etc. Cantos equipos LEB poderían facelo? E xa non digamos se teñen que pagar en A. A Federación non pide contas e os xogadores entran todos ao trapo, igual que faría calquera outro colectivo, porque cando hai precariedade laboral acabas aceptando o que che boten. Unha ACB 2 consistiría en agrupar os equipos que se queren reducir da actual ACB cos seis que son capaces da LEB. Ese é o camiño real que lle queda ao baloncesto profesional español.

¿Coruña estaría entre eses seis? Preocúpache o seu posible ascenso?

Coruña autoconverteuse nunha SAD, pero, en caso de ascender, tería que cumprir cun capital mínimo marcado pola ACB e o CSD. Como cidade non me preocupa porque xa estiveron e, aínda que boom ACB habería seguro, penso que, se ao segundo ano ven que a cousa vai de non descender, empezaría a ir aos partidos moita menos xente. O que si me preocupa é que a xente que está é xente de cartos, que sabe o que fai e vai por todas.

Que cres que lle falta ao Breogán para ser un club máis profesional? Estrutura?

O Breogán, cos seus defectos, ten 55 anos de vida, cousa da que non poden presumir moitos. É certo que falta estrutura, pero non tanta como parece. Hai que saber onde estamos e ver o que fan outros clubs de LEB, nos que as cousas son moi diferentes. Para ACB, penso que chegaría con establecer un organigrama máis nítido, discutir se a xente que hai en cada posto da parcela deportiva é a axeitada e talvez constituír unha área de marketing, que non existe como tal. Tamén é verdade que, neste último aspecto, hai ben pouco o 80% dos ingresos do Breo procedían da Deputación e agora o 70% son propios, ou que o ano pasado foi o primeiro que Estrella asinou máis dun ano co Breogán. Alguén traballaría para iso.

Penso que non se valora o suficiente o traballo da xente que está no club, á que eu respecto moito porque sei polo que pasaron. Poida que falte un secretario técnico, pero existe un equipo técnico que pode gustar máis ou menos, conformado por Tito, Javi Muñoz e Quique Fraga, que leva o scouting. Juan Carlos Castro é un empregado do club que fai moitas cousas á marxe do deportivo e Marcos non só leva a parte de comunicación. Considero que todo funciona mellor do que valoramos e o mellor para comprobalo é preguntarlle á xente. Se Iván Cruz volve, por algo será, e non é o primeiro. Se lle preguntas a calquera que chega novo, di que lle preguntou polo Breogán a alguén que estivo aquí e que lle dixo que viñese sen pensalo dúas veces.

O ano de ACB estívose detrás de varios directores deportivos, pero as cantidades que pedían non eran realistas. Un dos que soou foi Juanjo Bernabé, que pedía 200000 euros, ou Asier Alonso, procedente de Araberri e logo secretario técnico de Juanma Rodríguez no Betis, que pedía 230000. Luis Mateo en Santiago cobra bastante menos diso, e xa non digamos cando chegou a Santiago. Non obstante, claro que paga a pena investir cartos nun bo director deportivo e que mesmo sexa o mellor pagado do club, porque pode aforrarche moito diñeiro. Agora ben, tes que deixar que traballe e darlle tempo, porque para fichar ano por ano segundo o que haxa no mercado non se necesita un director deportivo.

É certo que falta estrutura, pero non tanta como parece. Hai que saber onde estamos e ver o que fan outros clubs de LEB, nos que as cousas son moi diferentes. Para ACB, penso que chegaría con establecer un organigrama máis nítido

Ofrecéronche algunha vez entrar dalgún xeito no Breogán?

(Queda pensando) Seriamente non. Hai unha ocasión na que unha persoa que nun momento dado estaba no consello de administración do club me formula a idea nunha conversa privada. Tampouco eu me interesei porque sempre tiven claro que o labor informativo supón unha responsabilidade que implica manter certas distancias. Tito Díaz foi o meu adestrador e fomos compañeiros de equipo durante cinco anos e, aínda que moita xente poida non crelo, douvos a miña palabra de que a miña relación con el é de director xeral-informador. Podo tomar un café con el e falar de baloncesto e do Breogán e, se me precisa como amigo, tenme para o que necesite, pero si establezo unha distancia. Pásame con el igual que me pasou con todos porque ao final toda a xente que entra no Breogán son amigos ou coñecidos, porque é xente de baloncesto de aquí. Tampouco fun moito de manter relación con adestradores, salvo talvez algo máis con Casadevall, nin cos xogadores, alén de tomar un café e coñecer un pouco a xente.

Outra cousa que fai que nunca pensara seriamente nun maior achegamento foi o meu traballo. A Suso Lázare custoulle o que lle custou. Fálase moito de amor polo Breogán e el demostrouno perdendo diñeiro durante unha chea de tempo a pesar de que se el foi presidente do Breogán non foi porque o pedise. Se eu chego a non ter fillos, se cadra podería termo pensado, pero no momento en que caso, teño fillos e entro en Facenda, teño claro que o baloncesto queda nun segundo plano.

Breogán con ou sen canteira? A favor ou en contra dun convenio?

Hoxe en día, para garantir un bo nivel de adestramentos en baloncesto profesional precisas quince ou dezaseis xogadores, iso é un feito. Entón, en primeiro lugar, tes dúas opcións: ou facelo con xogadores vinculados ou fichalos e telos sen xogar, como o ano pasado con Mateo Sánchez. A outra opción é crear a túa propia canteira, pero claro, iso exixe diñeiro e organización. O diñeiro case diría que o poderiamos xerar nós, pero a organización xa é outro tema. Eu non teño inconveniente en que Estudiantes ou outro club funcionen como club de canteira e Breogán como club profesional, sempre que haxa por medio determinados acordos. En todo caso, a tendencia actual dos clubs profesionais é a de prescindir de canteiras e, ademais, cabe preguntarse se sería bo que o Breogán pelexase con outros clubs da provincia en campionatos, quitándolles xogadores e demais.

Se non temos canteira, eu estou a favor dunha vinculación lóxica e da colaboración con outros clubs da provincia, pero en ningún caso nos termos de hai anos, cando Estudiantes recibía diñeiro a cambio de ceder algún dos seus xogadores para os adestramentos do Breogán. Posiblemente o máis lóxico sexa o que está a suceder agora: o Breogán asina un xogador e vincúlao a outro equipo de categoría inferior, sexa cal sexa. Agora ben, hai que ter en conta que o Breo non só emprega os seus xogadores vinculados nos adestramentos, senón tamén outros de Estudiantes. Entón, a cuestión é: canto vale unha potencial vinculación? Considero capital valoralo detalladamente ao final de cada tempada. Haberá anos que valerá 10000 euros pero outros non chegarán 30000 para pagar a axuda prestada. Hai dous anos, se non chega a ser por Estudantes, nin facemos a pretempada nin xogamos a Copa Galicia. Como hai que valoralo? Iso é o que hai que falar. En definitiva, eu avogo por un convenio con condicións claras, sempre que este sexa bo para os intereses do Breogán.

Se non temos canteira, eu estou a favor dunha vinculación lóxica e da colaboración con outros clubs da provincia, pero en ningún caso nos termos de hai anos. Avogo por un convenio con condicións claras, sempre que este sexa bo para os intereses do Breogán

¿Recuperará o club o diñeiro do canon?

O Breogán está á espera de ver o que acontece co Andorra. Todo o mundo di que en función do que lles digan a eles actuarán os demais. En calquera caso, o do canon é unha mentira, e témonos que ir afacendo á idea. Había unhas normas coas que se funcionaba daquela, pero hoxe o canon xa non existe, desapareceu. Tamén houbo un momento no que o Breogán, malia non ter pagado o canon, cobrou 120 millóns nun descenso. O que non se pode é ir contra todo. O canon pagouse no seu momento, pero, aínda así, se o Breogán gañase o último partido da eliminatoria contra Ourense, non ascendería. Sería imposible, porque, a pesar da parte do canon xa depositada na ACB, habería que poñer outro tanto para chegar ao valor do canon actual e, ademais, o diñeiro do fondo regulador de ascensos e descensos. Realmente nós ascendemos a última vez grazas a que todo iso xa non existe. De existir, o Breogán non ascendería nunca. Outra cousa é o que pasou durante o proceso de venda de accións. Aí o canon aínda estaba vixente, polo que a súa existencia si debeu influír no prezo de venda. Pero claro, quen ía pagar por algo cuxa existencia tiña data de caducidade?

Viches algunha vez perigar realmente a existencia do club?

Si, varias veces. Á parte de nos inicios, neste século vino preto en dúas ocasións. Pendeu dun fío o ano do descenso, cando o colleu Raúl López nunha reunión a última hora na que a axuda de Jose Antonio Díaz foi determinante. En cuestión dun cuarto de hora puido ir o Breogán ao garete. Logo tamén cando a xente se mobilizou co “Breoganismo en loita”, porque algunha xente da Deputación, incluído o que daquela era o seu presidente, viu a oportunidade de cargarse o Breogán definitivamente. Nese ente considerábase o Breogán unha cousa de Cacharro e non se entendía que a Deputación tivese que seguir mantendo o club. Era un momento moi triste, co pavillón con frío e pingueiras, un equipo que era como para chorar e labazadas caendo de todos os lados. Foi o momento daquel famoso “total, para catro que van”. O que nunca tiveron en conta foi que detrás deses catro seguían en ebulición todos os demais. Non ponderaron a verdadeira forza do Breogán, que si soubo ver Cacharro no seu momento. O Breogán é moito máis do que hai no pavillón. Hai xente que nunca baixa ao pavillón pero que segue sempre a información do Breogán. Cando foron acabar con todo non contaron co que veu despois. Entón é cando mudan a normativa que había para a venda de accións e o presidente ou Mourelle xa non volven dicir nada. Quedan intimidados como pensando: de onde sae todo isto? Se non chega a ser por esa reacción, que xerou unha reactivación a todos os niveis, o Breogán estaba abocado á desaparición. Pero é o bo que ten este club: a pouco que ofrezas, a xente sempre responde. Os 2000 de sempre son unha base que para outros é o teito.

O do canon é unha mentira, e témonos que ir afacendo á idea. De existir, o Breogán non ascendería nunca

De todos os adestradores que viches pasar por Lugo, cales tiveron unha mellor relación coa prensa?

Practicamente todos mantiveron unha relación respectuosa coa prensa. Algunha vez, cando o motivo da saída foi un cese, algún adestrador non o tomou demasiado ben por pensar que a prensa tivera algo que ver por ser moi crítica ou por adiantar que ía ser cesado se perdía. Foi o caso de Pepe Rodríguez ou tamén un pouco de Lezkano, a pesar de que este se despediu moi elegantemente. Eu tamén o entendo, porque todos os adestradores tentan facer as cousas ben, e por exemplo Lezkano estaba convencido de que estaba facendo o que tiña que facer e de que tomara as decisións que tiña que tomar. Pepe Rodríguez outro tanto do mesmo, porque co cadro de xogadores que tiña non entendía que era o que se quería. E é que sempre se di: o Breogán, doce anos para ascender. Mentira, porque equipo para ascender tivemos os primeiros e os últimos anos, aínda que polo nome se vendese o contrario.

Con todo, como digo, practicamente todos mantiveron unha boa relación. E digo practicamente porque sempre ten que haber unha excepción: Moncho López. Tanto con el coma con Moncho Fernández —que como adestrador, iso si, xa daquela era moito mellor que López— se nos vemos, saudámonos, ou se os chamo, aténdenme, pero outra cousa é o persoal. Esta xente era tan paranoica que subían a radio cando falaban porque pensaban que os estaban escoitando. Eu aquel ano estiven no Pazo ata a 1 da madrugada unha chea de veces e podo dicir que chegaron a estar cesados, pero cando se ía facer público tras votación do consello, Lence chamou para botalo atrás. A Moncho López case había que darlle as grazas por deixar a FEB, cando xa o ían botar de todos os xeitos e cobrou aquí cinco veces máis. Con Moncho Fernández pasou ademais logo o de Los Barrios. Eu entendo que un adestrador nun partido normal pida un tempo morto en calquera momento porque está pensando no seu equipo, pero aquilo foi lamentable, fíxoo simplemente por meter o dedo no ollo. A min iso ratificoume o que xa sabía.

Moncho López e Moncho Fernández chegaron a estar cesados, pero cando se ía facer público tras votación do consello, Lence chamou para botalo atrás

Como lembras aquela etapa tan convulsa?

Foron tremendos aqueles dous anos. O club estaba totalmente estabilizado con Andreu, que, no seu último ano, se chega a gañar en Manresa o último partido, metía o equipo en play-off. Tiñamos o record de aboados (5400) estable durante anos e un equipo recoñecible. Aquilo era xusto o que o un podía desexar, o que se necesitaba para estabilizarse. Que necesidade había daquel cambio? Gastaron case o dobre cada ano dos seguintes, millón de dólares a Ostojic incluído. O primeiro libramos grazas a Bell, e o segundo fomos para a LEB. O ano de Charlie Bell nin tiñamos equipo nin falla que facía. Non había nin sistemas e moitos xogadores —que non eran calquera— estaban fartos. Queda feo dicilo e eu son o primeiro que gozou como un anano pero, en canto ao que é baloncesto, a que se xogaba? O equipo do ano do descenso era mellor. O que pasa é que estaba totalmente dinamitado polo adestrador, que tiña a todo o mundo cabreado. Ademais, perdéronse moitos partidos no último suspiro. A tripla de Erdogán, a canastra de Navarro, etc. Lembro que o meu titular neste último caso foi: “Y Navarro recibió”. Estaba claro que se recibía, paralo ía ser case imposible.

Daqueles anos lembro tamén todo o acontecido con Javi Rodríguez. Javi era un bo xogador pero estivo mal aconsellado sobre todo por Moncho López, que foi probablemente o personaxe que máis dano lle fixo ao Breogán na súa historia. Xa na LEB, prohibiron a Paco García poñer a Javi Rodríguez e, ao final, cedeuse ao Manresa, onde ascendeu.

Como informador, quen che sorprendeu máis, para ben e para mal, ao longo de todos estes anos?

Zan Tabak foi unha sorpresa moi agradable. Fíxenlle unha entrevista cando era xogador do Real Madrid e gustoume moito, porque era como un libro aberto. Tamén Aíto García Reneses. Custa moito concertar unha entrevista con el, pero no momento no que o consegues, está a túa plena disposición, e cada resposta é un clinic. Logo tamén está Calderón pola paciencia que tivo comigo o verán que estivo en Lugo coa selección española sub-22. Daquela sonaba para ser cedido polo Baskonia a Fuenlabrada ou Breogán. Finalmente acabou no Fuenla. Chameino todos os días para saber se xa tomara unha decisión e sempre me atendeu coa máxima corrección e amabilidade.

Na parte negativa, Manolo Hussein. Foi o único adestrador ao que aquí en Lugo, logo dun partido, deixamos só na rolda de prensa como símbolo de protesta, visto que nas semanas de partido nunca atendía aos medios.

O ano de Charlie Bell nin tiñamos equipo nin falla que facía. Non había nin sistemas e moitos xogadores estaban fartos. Queda feo dicilo pero, en canto ao que é baloncesto, a que se xogaba?

Temos Paco Basanta aínda para longo?

Se me preguntas hai vinte anos como me vería con esta idade, veríame como un tipo super vello, pero agora non me vexo nin vello nin canso. Chegará un momento en que terei que deixalo.

É unha mágoa, porque cuando iso ocorra non vai quedar ninguén con esa bagaxe que podes ter ti de seguir o Breogán tantos anos.

O que non vai ocorrer actualmente é que unha persoa se dedique a facer exclusivamente información do Breogán diariamente porque ninguén che vai pagar iso. Alén diso, supoño que é inevitable que quen veña fale do Breogán que coñece. Eu sempre espero que poida haber alguén no xornal a quen lle ir inoculando un pouco o tema. O que me gustaría sería que non se perdesen tantas e tantas cousas interesantes da historia do Breogán que incluso moita xente que segue acotío o club descoñece.

Como xa che teñen dito, terías que escribir un libro.

Si, pero para iso hai que ter tempo e ganas. Agora, non obstante, sería un gran momento para facelo porque aínda está viva a maior parte da xente de todas as xeracións, que pode explicar moitas cousas de primeira man. Logo, se non, xa se tería que falar de oídas.


CUESTIONARIO RÁPIDO

Un plantel

O que ascendeu na tempada 1999-2000, por todo o que implicou.

Un equipo

O do último ano de Casadevall (2002-2003) Non era un plantel sobrado de nada, pero se lle sacou un gran rendemento como equipo.

Unha tempada

Todas nas que se ascendeu

Un partido para ben e para mal

Para ben, a primeira vez que se lle gañou a un grande, o Joventut. Ademais, foi o debut de Manel Sánchez no Breogán.

Para mal, teño varios: o partido que perdemos en Valladolid en 2006 e que implicou o descenso de categoría; o quinto de Girona, polo que se lle fixo á afección do Breogán, e o día do Oximesa.

Unha espiña cravada

Non ver nunca o Breo gañar no Palau. É para min unha obsesión.

Unha camisola

Todas aquelas nas que se respecta o celeste.

Escudo antigo ou novo

O novo

O Pazo ou o Municipal

O Pazo, porque implica evolución. É un señor pavillón, unha marabilla. Posiblemente a mellor instalación que se fixo nunca en Lugo. Do Municipal teño grandes lembranzas, pero cada cousa ten o seu momento.

Unha alegría

Todos os ascensos, pero tamén a primeira vitoria contra os grandes. etc. En xeral, todo aquilo que implicou unha evolución para o club.

Unha decepción

Á marxe dos descensos, a hecatombe en Los Barrios, polo que representou. Foi un momento moi duro.