Non é só baloncesto. Unha cousa é o baloncesto e outra cousa é o Breogán, e creo que a meirande parte da xente de Lugo o sentimos así

Héctor Pardo / Álvaro Pardo

Quer cun micrófono ou grabadora na man, quer empuñando unha pluma, Paco Basanta adoita estar sempre detrás dos protagonistas. Poucos coma el coñecen o acontecido no Breogán e arredor del dende a súa fundación. Primerio como seareiro, logo como xogador e finalmente como colaborador en Radio Lugo e El Progreso, a súa vida decorreu inevitablemente ligada á do club celeste. Reunímonos con el en setembro para facerlle unhas cantas preguntas sobre el e sobre o propio Breo. O que inicialmente ía ser unha pequena entrevista, acabou derivando nun entretida conversa breoganista de máis de tres horas. O resultado da dita conversa publícase en dous números. Velaquí a primeira parte dela.

Cales foron os inicios de Paco Basanta no baloncesto? En que medida influíu a existencia do Breogán?

Eu vin o Breogán dende a súa formación; baixaba ver os partidos dende os cinco anos co meu pai, que era presidente do Comité de competición da Federación lucense de baloncesto. Teño lembranzas do Breogán de toda a miña vida. Non sei por que exactamente pero sempre me apaixonou. Empecei xogando no Maristas de Lugo e, tras un breve paso polo ATB, cheguei ao Breo na tempada 79-80.

Como foi ese proceso?

Ao concluír a tempada 77-78, na que o recén descendido Breogán de Jaime Ventura, Alfredo Pérez ou Pepe Conde xoga en 2ª división, prodúcese un baleiro de poder, e o club non desaparece porque se mantén inscrito en liga provincial mais non participa realmente en ningunha competición. Daquela había en Lugo dous equipos en 3ª: o Lucus, no que xogaban nomeadamente veteranos do Breogán, e o ATB, de Tito Real ou Ramiro, que era simplemente un grupo de rapaces amantes do baloncesto que se reunían no bar Club, onde está hoxe o pub Dvorak. Eu inicialmente non tiña nada que ver con iso pois aínda estaba en Maristas, pero chamáronme para xogar con eles. Facemos un moi bo ano en 3ª e ademais, contra todo pronóstico, os do equipo junior do ATB clasifícamonos por primeira vez en Galicia para a fase final do campionato de España junior, que se celebraba en Madrid. Pero claro, nós eramos un equipo de rapaces e non tiñamos xeito de afrontar o tema. Entón a Radio Lugo  —Juan Quiñoá daquela— ocórreselle levarnos un día ao programa da mañá para contar a nosa historia, e, de maneira totalmente inesperada, a xente empeza a enviar cartos. Dous días despois chámanos José María García para nos entrevistar a nivel estatal en Hora 25, e un oínte do programa decide poñernos un autobús para todos os nosos desprazamentos. Foi unha tolemia. A xente de Lugo conseguiu que recadásemos en dous días se cadra 150 000 pesetas da época. Todo foi tan inesperado que oficialmente houbo que dicir que ATB significaba Asociación Técnica de Baloncesto, pero a realidade é que o nome era Amigos de Tascas e Bares. É unha historia pouco coñecida pero realmente moi curiosa. Aquilo foi un empurrón absolutamente decisivo que serviu para decatármonos de que a xente estaba polo labor de seguir co tema do baloncesto. Foi entón cando se decidiu que o ATB se integrase no Breogán e este ocupase a praza en 3ª. A xente respondeu decontado. Empezamos xogando no pavillón da OJE, en San Marcos, pero ao terceiro partido tivemos que baixar ao municipal porque xa non entraba a xente alí. No derbi Breogán-Lucus  —un equipo ateigado de ex-xogadores do Breogán, como Seral ou Pepe Conde— a xente ía a morte connosco, aínda que non nos coñecese ninguén. Todo polo nome, igual que acontecera anos antes con La Casera, que, malia ter cinco xogadores de Lugo, non daba atraído a xente ao pavillón, mentres o Breogán o enchía sen ter un só xogador local. O nome, por algún motivo, callou dende o principio, integrouse na xente. Ese ano ascendemos a 2ª, onde quedamos tres anos. O segundo deles, chega Luis Castro, que, ao decatarse de que remata o prazo e ninguén inscribe o Breogán, decide poñer o aval e inscribilo el mesmo, para sacar o club adiante. Ese ano foi clave. Con todo feito a última hora e un equipo moi curto, xogámonos ser os primeiros diante dun pavillón repleto. Despois deste partido, Luis convence a Mauricio Posada Veiga, presidente da Cámara de Comercio, para que asuma no seu lugar a presidencia do Breogán, e este consegue o patrocinio de Caixa Galicia. Ao ano seguinte, faise un equipo para ascender. Ascendemos en Melilla a 1ºB (1983), e ao ano seguinte, xa sen min, a ACB.

Axudar o Breogán é unha obriga, e a maneira que debemos ter de facelo é conseguindo que se fale del todos os días

É o Breogán causa ou consecuencia do idilio de Lugo co baloncesto?

O do Breogán non foi casualidade. O baloncesto bate moi forte dende os anos 40, cando se crea a Federación lucense. Hai fotos daqueles anos, na parte posterior da deputación, de dúas mil persoas con paraugas vendo partidos que se xogaban cun balón de coiro que mollado pesaba 8 quilos, e que remataban 12-8, cando non se xogaba ao baloncesto en ningures agás en Cataluña e Madrid. Semella que o xermolo do que agromou todo foi a chegada a Lugo tras a Guerra Civil duns soldados cataláns que empezaron a xogar ao baloncesto, e dunha serie de xente: Santiso, Feás… que o viron, lles gustou e empezaron a xogar. Non é só que xa houbese baloncesto antes do Breogán senón que Lugo era unha auténtica potencia. O RTR, que era un equipo potente en 2ª, participou na Copa del Generalisimo do 66. Ademais, tamén está o feito de Lugo contar cunha das dúas ou tres mellores instalacións de España no ano 64. Ter un pavillón cuberto e de parqué con capacidade para dúas mil e pico persoas nunha poboación de cincuenta mil era unha barbaridade.

Como xorde a oportunidade de empezar a colaborar en medios de comunicación? Foi algo espontáneo e fortuíto ou xa daquela sentías vocación? Resulta sorprendente ler algúns artigos de hai trinta anos e comprobar como o tan familiar estilo de redacción era xa praticamente o mesmo. Semella que a facilidade para redactar viña de fabrica.

Agradézocho, aínda que non sei se iso é así. En calquera caso, foi algo que nunca pensara en facer. Empecei antes en Radio Lugo. Despois do meu paso polo Breogán, xogo un ano en Vilagarcía mentres prosigo os meus estudos en Compostela. Aprobo entón as oposicións a Facenda e, moi novo, aos 23 anos, deixo de xogar e adestro o equipo de 2ª do Ensino. Cara ao final dese ano, atópome un día na rúa a Arcadio Silvosa, ao cal coñecía da miña etapa de xogador, e pregúntame se me gustaría facer na radio unha análise semanal de baloncesto. Cando caio na conta, estou facendo o programa diario. Despois viñeron as retransmisións e o inicio da miña colaboración con El Progreso. Unha cousa si que tiven clara á hora de informar, e é que é importante saber para que medio colaboras. Ese foi o meu primeiro erro. Eu tendía a escribir como se o fixese nunha revista especializada mais cando apareces en Radio Lugo ou escribes en El Progreso o teu labor ten que ser o de achegar a xente ao baloncesto, e para iso é preciso ser claro. O que eu quero é que a xente, cando colla unha crónica miña, o primeiro que saiba é que me pareceu o partido. Alén diso, algo que me facilitou moito as cousas foi o feito de estar viaxando vinte e tantos anos co Breo, o cal me deu un coñecemento da situación a outro nivel.

Dubido moito que seguise facendo información se non fose do Breo; que sexa o Breogán fai que non canse, renóvame as gañas de traballar

Cal é o proceso que segues para a elaboración dun artigo?

Son moi de apuntar todo, nomeadamente aquelas cousas susceptibles de se tornaren un punto de inflexión na marcha do partido. Ás veces, os silencios delátanme. Sempre me parece que calquera cousa pode ser importante. Creo que me vén da miña etapa de adestrador. No momento é imposible sabelo pero catro minutos despois calquera canastra ou troco pode revelarse clave no devir do partido. Ao saír da rolda de prensa, teño que bulir para escribir a crónica pero sempre procuro darme cinco minutos para me abstraer da parte sensible que poida ter como afeccionado. O único que releo do que escribo son as crónicas dos partidos e hai veces que logo penso que con máis perspectiva tería escrito outra cousa. Pero cando un partido acaba ás once e tes que ter tres páxinas acabadas ás once e media non che da tempo a pensar gran cousa.

Como comentarista tentas ser bastante temperado e mesurado. Esa moderación é algo que te tes que forzar?

Si, sen dúbida. Procuro abstraerme un pouco para non velo só cos ollos do afeccionado e, a medida que me vou metendo na retransmisión, vouno conseguido, pero cústame. Lembro o partido da tempada 05-06 no Palau, cando Ostojic a tira contra o taboleiro, que deixo de retransmitir e practicamente o insulto; ou o último ascenso, que foi un momento moi especial despois de tantos anos, tentando que non se me entrecurtase a voz e desexando ir darlle unha aperta a Lisardo, que estaba na seguinte cabina. Teño en conta se retransmito para Lugo ou para por exemplo FEB.tv, onde tes que manter unha certa neutralidade.

A paixón de Paco Basanta é polo baloncesto ou é máis polo Breogán?

Aquí a xente é moi de baloncesto, pero sobre todo do Breogán, e eu tamén. Non é só baloncesto. Unha cousa é o baloncesto e outra cousa e o Breogán, aínda que logo conflúan, e eu creo que a meirande parte da xente de Lugo o sentimos así, sexa polo que for. Iso xa é cousa dun sociólogo, aí non me atrevo a entrar. Dubido moito que seguise facendo información se non fose do Breo; está claro que para min non sería o mesmo. Que sexa o Breogán fai que non canse, renóvame as gañas de traballar. Eu termino todas as tempadas en maio farto de todo, e logo a mediados de xullo xa estou mirando cando sae o calendario. E iso pasa porque é o Breo. Como lucense e breoganista que colabora en medios de Lugo, penso que axudar o Breogán é unha obriga, e a maneira que debemos ter de facelo é conseguindo que se fale del todos os días. O que intentei dende que estou no Progreso é que o Breogán teña o seu espazo, que a xente saiba que cada día vai ter información, e, para iso, malia a información ser ás veces moi limitada, buscas o que sexa para que apareza algo. Isto non quita que haxa que criticar, sobre todo a nivel deportivo. As crónicas por exemplo teñen que ser o máis realistas posible porque a xente que está no Pazo non é parva e viu o partido.

Houbo momentos difíciles nos que recibín presións, insultos e ameazas por parte de persoas illadas, pero non é o normal

Algunha xente acusate de seres demasiado diplomático.

É parte do negocio. Se te dedicas á información e pensas que vai estar de acordo contigo a maioría da xente, estás moi confundido. Igual que eu podo criticar un adestrador, teño que estar aberto a que calquera me critique a min, entre outras cousas porque podo estar enganado. Se hai algo que me molesta é que a xente pense que hai algo detrás, que digan que calas sobre algo porque comes disto, porque economicamente só me compensou cando viaxaba. Eu sigo dedicándome a isto todos os días porque é o Breo é para seguir un pouco dentro do baloncesto porque  lle debo moito: os meus amigos, a miña vida, todo. Penso que é o meu xeito de axudar e gústame pensar que é unha parte que queda un pouco de min, agora que se cadra xa non me queda tanto tempo nisto. Ás veces falamos da falta de dignidade do Breogán á hora de defender os seus dereitos. Por exemplo, a respecto da decisión da Federación de que haxa un só ascenso, eu chamei a dous avogados e dixéronme que poden asinar isto cando lles pete sen permiso dos clubs. Outra cousa é que o fixesen unha vez publicadas as bases da competición, o cal podería dar dereito a reclamar unha indemnización. O problema é que xa a previron. Entón, púidose entrar a reclamar? Si, talvez para que nos desen 20 000 euros, ou non. Se solicitabamos a paralización, posiblemente nos pedirían a caución e teriamos que pagar un millón e medio, e, se non tivésemos razón  —que non a tiñamos—, que pasaba? É iso dignidade? Hai catro clubs que van ir contigo. Os demais, sen pretensións de ascenso, encantados da vida de recibir ese diñeiro.  A outra opción que nos queda é borrarnos da liga. Hai veces que hai que tragar. Ademais, nin a miña información, nin o club, nin a nosa vida ten que estar marcada polo que se diga nas redes, porque, á fin e ao cabo, somos eu e catro máis, con algúns dos cales me levo moi ben. Logo hai catro mil aboados que non vin que fosen alí queixarse. Eu molesto a quen sexa preciso para que a información sexa sempre o máis fiable posible. Logo poderei meterme un gol, pero sempre pregunto, porque un non sabe de todo.

Algunha vez te animaron a non publicar algo ou che deron un toque por facelo?

Recibín presións en dúas etapas distintas. Na primeira, ata un intento de agresión dun presidente que evitou o adestrador poñéndose no medio e levando unha labazada. Logo na etapa de Lence houbo momentos difíciles nos que recibín presións, insultos e ameazas por parte de persoas illadas, pero non é o normal. Iso si, endexamais me prohibiron publicar nada. Sempre tiven absoluta liberdade, mesmo cando El Progreso ocupou un posto no consello aqueles anos, nos que eu fun moi crítico co que se estaba a facer. O primeiro ano a relación foi de trincheira, pero teño que dicir que a partir de entón a miña relación con Lence foi moi boa porque el se decatou de que eu lle dixera o que acontecía.

Indubidablemente o labor de Jesús Lence co Breogán é moitísimo máis positivo que negativo e posiblemente o Breogán segue hoxe aquí grazas a el

Que opinión che suscita a figura de Jesús Lence?

Á marxe de feitos puntuais, para min Jesús Lence foi unha bendición para o baloncesto de Lugo dende os anos 80, independentemente do seu papel como empresario. Pouca xente dedicou o diñeiro e a atención que lle dedicou el. Cando deixa o Breogán tras ser presidente pon o diñeiro da débeda que xera. É sabido que houbo casos moi distintos. Penso que como presidente fixo todo coa mellor intención pero se equivocou ao confiar en asesores externos que lle aconsellaron traer a Moncho López e cargarse todo o que había. Na última etapa, como máximo accionista, erradamente ou non, quixo a Suso como presidente e non a Eduardo Valín, que tamén quería selo. Eu xa dixen e manteño que a saída de Eduardo foi unha irresponsabilidade pois se Suso chega a marchar nese momento, o Breogán desaparece. Se o máximo accionista quere alguén de presidente polo que sexa, acabouse. Por que está Tito Díaz? Porque Carmen Lence e sobre todo Narciso confían plenamente no que faga Tito. Que habería mellores opcións? Sería debatible. Que habería que pagarlles o triplo? Tamén é posible. En calquera caso, indubidablemente o seu labor co Breogán é moitísimo máis positivo que negativo e posiblemente o Breogán segue hoxe aquí grazas a el. Debemos estarlle agradecidos para sempre. Oxalá a súa filla, coa que non teño trato, manteña o mesmo sentimento polo Breogán.