O pasado mes de setembro a Audiencia Nacional fixou a data de comezo para o xuízo ás doce militantes encausadas no marco da denominada “Operación Jaro”. As acusadas, pertencentes a Causa Galiza e a Ceivar, enfróntanse proximamente a unha petición de 102 anos de cadea en total, con penas individuais que oscilan entre os catro e os doce anos, e a multas por valor de 358 000 €. Acúsaselles de enaltecemento do terrorismo e de pertenza a organización criminal para a comisión de enaltecemento do terrorismo, unha consideración esta última que fai a Fiscalía e que suporía a disolución de ambas as organizacións. 

Este xuízo devén dun proceso sobre cuxa base legal existen unha chea de cuestionamentos e dúbidas, e interprétase desde as organizacións afectadas e sectores afíns como un intento de liquidar o independentismo galego. O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, Esculca, vén de publicar un informe sobre a vulneración de dereitos e liberdades no marco da Operación Jaro, no que explican como se foi estendendo de xeito progresivo o concepto de terrorismo no Estado español até chegar a soterrar dereitos como a liberdade de expresión, de reunión, de asociación e de participación en organizacións políticas. Así, como sinala o informe, o termo terrorismo vólvese tan elástico que acaba por abranguer posicións críticas contra o sistema ideolóxico dominante, posicións que constitúen un dereito individual de liberdade de expresión mais que son xulgadas como terroristas. Non é casualidade entón que entre os delitos imputados tanto a Causa Galiza como a Ceivar figuren actos de apoio ao independentismo, como a celebración do Día da Galiza Combatente para os primeiros ou a organización de actos de solidariedade con presas independentistas galegas para os segundos. Polo tanto, o informe conclúe que o proceso incorre na vulneración de cinco dereitos fundamentais, que van desde a liberdade de expresión até a participación en organizacións políticas, algo que se erixe como fundamental para a existencia dun estado democrático e de dereito.

Este xuízo devén dun proceso sobre cuxa base legal existen unha chea de cuestionamentos e dúbidas, e interprétase desde as organizacións afectadas e sectores afíns como un intento de liquidar o independentismo galego.

Perante este panorama, ambos colectivos iniciaron unha campaña de chamada á solidariedade e de apoio ás persoas encausadas e contra a ilegalización do independentismo galego, para o cal consideran a dita solidariedade un piar fundamental. Nas diferentes plataformas das redes sociais pódese encontrar a páxina “Todas frente a Jaro”, onde convidan a asinar un manifesto en defensa da solidariedade coas doce persoas acusadas. Alén diso, está prevista a celebración dunha manifestación nacional en Compostela ás 12 da mañá do vindeiro 18 de outubro —un día antes de que comece o xuízo— que partirá da Alameda da cidade.

Son numerosas voces afamadas as que xa expresaron a súa solidariedade co que está a acontecer, como diferentes personalidades do Bloque Nacionalista Galego (BNG), entre elas Nestor Rego, que xa no pasado mes de xuño denunciou perante o Congreso español a vulneración de dereitos na que incorría a Operación Jaro. Ademais do BNG, cóntase con numerosos apoios de organizacións sindicais como Central Unitaria de Traballadoras (CUT) ou a Conferencia Intersindical Galega (CIG). 

Así, queda por diante un longo percurso para unha causa que semella ir logrando cada vez máis apoios sociais e políticos ante as incongruencias derivadas deste proceso, que parece intentar equiparar independentismo con terrorismo e demoler as ideoloxías políticas que defendan a independencia, aínda que estas se adapten aos marcos xurídicos do Estado español.

2 Comments on “O xuízo pola Operación Jaro transcorrerá entre o 19 e 22 de Outubro”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará