Consideran que forman parte das “organizacións crimninais” que enaltecen a “Resistência Galega”

A Operación Jaro ten o seu inicio en outubro de 2015, cando axentes da Garda Civil detiñan nove persoas vinculadas á organización política Causa Galiza baixo a acusación de actuar como unha extensión de Resistência Galega. Isto figuraba así no comunicado do Ministerio de Interior, segundo o que Causa Galiza xurdiría para suceder outras organizacións que antes da sentencia de 2014, que ratificaba a Resistência como grupo terrorista, conformaban a súa rede de apoio. Porén, era de dominio público que Causa Galiza nacera en 2007 como unha plataforma que integraba colectivos e partidos como Espaço Irmandinho, Frente Popular Galega, Corrente Vermella, Movemento pola Base, Nós – Unidade Popular ou o Partido Comunista do Povo Galego.

Se ben a Comisión de Arbitraxe, Queixas e Deontoloxía do Xornalismo resolveu que non se vulneraron os dereitos das persoas detidas, o certo é que a prensa deu por sentado nas súas publicacións que pertencían a Resistência Galega, levándoo á portada no caso de El Ideal Gallego sen resgardar a presunción de inocencia. Outros medios chegaron a asegurar que pretendían atentar durante a campaña electoral ou a publicar os domicilios de residencia dalgúns investigados.

Unha segunda organización tamén sería obxecto de investigación por parte da Audiencia Nacional por formar supostamente parte da rede de Resistência, o colectivo antirrepresivo Ceivar. En 2017 a Garda Civil detiña tres dous seus membros na Operación Jaro II, a cal se incorporaría á mesma causa.

Resistência galega, un relato xudicial

Certamente, había motivos para poñer en dúbida todas estas informacións. A Unión Federal de Gardas Civís pronunciouse en 2007 para desmentir publicacións similares: “Resistência Galega como tal non existe”, “non se sabe que é”. Segundo a UFGC, o que había eran distintas frontes independentistas “dispostas a atentar”. En 2008 servizos da Garda Civil cualifican de “ente abstracto sen estrutura nin infraestrutura” a esta organización, e na memoria de 2012 da Fiscalía Xeral do Estado recóllense as “dificultades” para demostrar a existencia “dunha verdadeira banda armada” por non visualizarse “as súas estruturas de dirección, execución, captación ou financiamento” e levar a cabo accións “illadas no tempo e no espazo”.

A única sentencia que dá por probada a existencia de Resistência Galega é a que condena en 2013, ratificada polo Supremo en 2014, a Maria Osório, Antom Santos, Eduardo Vigo e Rodrigues Fialhega nun proceso xudicial amplamente cuestionado polas súas irregularidades. A condena sería reducida ata en dúas ocasións polo Tribunal Supremo, quen indicaría que a participación en banda terrorista das persoas condenadas era “tremendamente dispar” e que no domicilio de Maria Osório e Antom Santos “se atoparon textos de independentismo radical, algúns litros de gasolina e unha documentación que identifica posibles obxectivos terroristas e a súa planificación cronolóxica, pero sen singularizarse cal era o seu concreto contido”, parecendo apuntar “a funcións de propaganda e a mera identificación duns obxectivos que tampouco se exclúe que se limitaran ó vandalismo”.

Sáez Valcárcel, que considera “pura especulación” a existencia de Resistência Galega e o reflexado nos informes da Garda Civil

En todo caso, a sentencia refírese a feitos previos a 2011, ano en que os informes da Garda Civil dan por extinta a Resistência. En 2014 a Fiscalía acusa a Adrián Mosquera de pertenza a banda armada, pero a Audiencia Nacional non pode probalo. No mesmo ano arquiva a causa contra Xulio Sayáns e Silvia Casal tras unha operación coa que supostamente se puxera fin ó aparello de financiamento de Resistência Galega. Tamén en 2014 o Supremo absolve de pertenza a grupo terrorista a Carlos Calvo, e en 2015, meses antes da primeira fase da Operación Jaro, fai o propio con Héctor Naya, absolvéndoo de todos os cargos. Os dous foran condenados pola Audiencia Nacional cun voto particular en contra do mesmo maxistrado, Sáez Valcárcel, que considera “pura especulación” a existencia de Resistência Galega e o reflexado nos informes da Garda Civil, deixando en evidencia a súa falta de rigorosidade, e tampouco considera que as “accións violentas” atribuídas a Resistência poidan ser consideradas terroristas.

As manobras da Fiscalía

De forma esperable, a causa contra Causa Galiza e Ceivar desínchase ó non poder probarse ningunha vinculación cun grupo que non existe: a Fiscalía retira a acusación de pertenza a banda armada en xullo deste ano, pero dá unha nova volta de porca e acusa ás persoas investigadas de enaltecemento do terrorismo por “xustificar” continuadamente as accións de Resistência Galega e de pertenza a organización criminal para a comisión de enaltecemento do terrorismo, unha consideración que fai a Fiscalía de ambas organizacións pola que solicita a súa disolución.

A Fiscalía solicita dous anos pola organización, participación ou a simple asistencia en cada un destes actos

Os actos que para o Ministerio Fiscal incorren neste tipo delituoso son os recibimentos a presas por parte de Ceivar  —entre elas os xa mencionados Héctor Naya e Xulio Sayáns, absoltos de todos os cargos— e a organización o Día da Galiza Combatente en 2014 e 2015 por parte de Causa Galiza, por celebralo na data en que dous membros do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive faleceron colocando un artefacto explosivo nunha discoteca nunha acción coordinada simultaneamente en distintos puntos de Galiza contra as propiedades vinculadas a narcotraficantes como Laureano Oubiña e Manuel Charlín.

No auto non se recollen valoracións nestes actos, positivas nin negativas, das accións de Resistência Galega e, dos sete actos de recibimentos a presas, tan só un se fai á saída de prisión dun condenado por pertenza ó suposto grupo terrorista. Sen indicios que apunten o contrario, isto parece inscribirse no principio de reinserción: a acollida social destas persoas, neste caso na militancia política, á marxe dos feitos que se lles atribúan.

A Fiscalía solicita dous anos pola organización, participación ou a simple asistencia en cada un destes actos. É o caso de Íria, por comunicar á Subdelegación do Goberno un acto de recibimento sen haber constancia de que se acudise a el, ou de Ugio, pola mera asistencia a outro recibimento cunha pancarta co texto “Liberdade presos independentistas”.

Ademais, xustifica o delito de pertenza a organización criminal en base a estes mesmos actos polos que pide prisión por enaltecemento, solicitando catro anos máis de prisión por pertenza a cada unha das integrantes de Causa Galiza e Ceivar xulgadas neste procedemento. Isto fai un total de ata doce anos para algunhas das persoas investigadas. A petición para as doce investigadas ascende a 102 anos de prisión.

No mes de decembro, representantes de diversas organizacións e entidades acordaron coas persoas envoltas neste proceso levar o caso á Relatora da ONU e anunciaron a convocatoria dunha manifestación en Compostela para o próximo 16 de febreiro.

Foto de portada cedida por GalizaContrainfo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará