O Pensa Lugo saíu por primeira vez publicado en papel o pasado mes de febreiro, un mes de moitas sensacións diferentes para cada unha de nós, pero que nos deu azos para continuar con este proxecto. A segunda fin de semana do mes seguinte declarouse un  estado de alarma por unha situación de pandemia internacional, algo nunca visto e que, dende logo, atrancou o futuro máis inmediato do xornal. De repente, a incerteza apoderouse de todas nós e xusto esa fin de semana celebrabamos a que ía ser a nosa última asemblea presencial, aínda descoñecedoras de todo o que viña enriba. 

As asembleas presenciais supoñían o lugar onde as integrantes do Pensa Lugo nos atopabamos, intercambiabamos ideas e creabamos vínculos, un lugar ao que nos vimos obrigadas a renunciar e que tivo que ser substituído polas reunións a través de diferentes plataformas virtuais. Á frialdade destas reunións sumáronse as dificultades de conexión para algunhas compañeiras, os problemas derivados das conexións masivas na rede e a complicación de fixar hora e día para a realización dunha asemblea virtual, pois cada unha de nós andaba lidando coa situación como podía e non sempre se atopaban dispoñibilidades. 

Mais a pesar dos atrancos continuamos coas asembleas de maneira dixital e, coa afluencia que houbese nese momento, iamos intentando sortear o contexto; acordamos escribir artigos para a nosa páxina web, publicar nas redes sociais para que se soubese que seguiamos activas e planeamos o noso futuro máis inmediato: o noso próximo número en papel. Non foi sinxelo calcular datas e menos, presuposto, pois economicamente non andabamos boiantes, pero, aínda así, tiramos para diante e chegamos até aquí, ao noso segundo número en papel atravesado por unha pandemia. 

Hai uns meses comunicamos na rede que mudabamos a nosa forma de publicar artigos, que ía ser a través da nosa web por necesidade. Agora, comprácenos enormemente saber que podemos voltar ao lugar no que sempre quixemos estar: entre as mans das nosas lectoras, nos barrios, na rúa, circulando de aquí para aló. Non foi doado, pero conseguimos seguir nisto porque cremos nisto. Estamos moi agradecidas a quen nos apoiou e apoia e nos continuou lendo estes meses. Seguimos no camiño.

11 Comments on “Voltamos ás rúas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará