Dende fai case dúas décadas a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde está a facer un labor de dinamización do enorme legado material e inmaterial deste concello lugués.

Sinalización de roteiros, recuperación de camiños ou denuncias ante as agresións a monumentos culturais ou naturais son algunhas das súas angueiras máis destacadas. Un traballo titánico que agora intentan desenvolver dende a súa sede, unha casa antiga de dous andares que nalgún momento foi casa do concello.

Esta casona, sita sobre un vello castro con vistas á torre medieval que lle dá nome á vila e que tamén serve de centro social para outras actividades, é o lugar onde nos citamos con Manuel.

Cando e como xurdiu a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde?

Xurdiu a comezos deste século. Primeiro, varias persoas (Ricardo Polín, Paco Pestana, Felipe Arias, Elena Varela, o director do Museo de Ribadavia…) decidimos percorrer lugares de interese do concello, como Soutomeirille ou os sartegos de Recesende. A cousa foi a máis no 2005. Ao ver que os pendellos de feira estaban a punto de caer, decidimos actuar. Foi aí cando decidimos constituírnos como asociación.

Cales son os eixos de actuación?

O principal é a defensa do patrimonio no seu aspecto máis amplo (poboación, paisaxe, monumentos…). Unha das bases dos nosos estatutos é protexer todo o que teña que ver co caminho primitivo de Santiago dentro do concello de Castroverde.

O termo “patrimonio” é bastante confuso en galego pola súa polisemia. Tanto pode facer referencia aos bens individuais, como ao legado material e inmaterial colectivo.  Ás veces xera confusión e reticencia por parte da xente. Como reacciona a veciñanza cando falades de patrimonio?

Quizais o problema é non entender o patrimonio como un todo. Eu defendo a idea do activismo cultural de dona Enriqueta (Otero). En cada aldea debería de haber xente que defendese o seu. O seu patrimonio común, o seu legado cultural

A xente confunde. Moitas veces acúsannos de estar denunciando seguido, cando é cousa da administración. Nós soamente denunciamos as agresións aos paneis informativos ou aos sinais de roteiros que nós puxemos. Facémolo porque é a nosa obriga, xa que se puxeron con cartos públicos. Pero nós non somos de Patrimonio da Xunta. 

Quizais o problema é non entender o patrimonio como un todo. Eu defendo a idea do activismo cultural de dona Enriqueta (Otero). En cada aldea debería de haber xente que defendese o seu. O seu patrimonio común, o seu legado cultural.

Existe a posibilidade de facer unha defensa e recuperación do patrimonio sen que acabe transformado nunha especie de “atracción de feira”? Dígoo porque dende as propias administracións parece que a explotación económica é a única posibilidade para o seu mantemento. Sempre que falan de patrimonio empregan expresións como “posta en valor”.

Si, efectivamente. Pero tamén creo que, se unha cousa se defende e se respecta  dende abaixo, acaba sendo visitada e iso pode xerar, dalgún xeito, unha actividade económica positiva para ese lugar. Mais o foco debe de estar sempre na propia conservación do patrimonio e que a propia comunidade se implique. Se despois economicamente é rendíbel, pois moito mellor.

Durante séculos a sociedade agraria tradicional deulles nome, preservou e incluso fabulou sobre os lugares da súa contorna (mámoas, castros, regatos, pedras…). Tamén legou unha tradición etnográfica monumental, case inabarcábel, en tódolos seus aspectos. Mais hoxe a sociedade é moi diferente; vivimos nun mundo posindustrial e moi urbanizado. Estamos condenadas a perdelo todo ou podemos reverter esta situación?

Realmente é moi complexo e véxoo moi complicado. Dende que eu era rapaz non se deixa de pórlle “paos ao campo”. No momento en que os seus produtos non se valoran como se debe… O leite ou a carne seguen a valer o mesmo que fai corenta ou cincuenta anos. E dende aquelas así seguimos. Para min é un dos motivos principais polos que se abandonou o rural. Non sei que medidas se poderían tomar…

Pero vós algo facedes para que non esmoreza.

Si, dende a asociación polo menos procuramos que non se abandone de todo. Poder vir polo menos cada quince días e abrir e recuperar camiños, facer limpeza. Aínda que sexa moi pouco, polo menos é algo.

Que tarefa tedes pendente a medio-longo prazo?

Queremos potenciar a vía XIX, manter os roteiros que xa temos e, sobre todo, procurar que todo isto contribúa dalgún xeito a reverter a situación. Ogallá a xente nova non abandone as aldeas e se instale nelas. É a maneira de poder seguir mantendo todo isto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará