“O importante era participar do proxecto, como emisor ou ouvinte, en calquera caso participante. E mais aló, incluso sen participar como emisor ou ouvinte había outros xeitos de participar na radio, nas mobilizacións, nos deseños, nos debates, como entrevistado, na retransmisión das actuacións… Todo iso e máis conformaba Radio Clavi.”

Durante o final dos anos oitenta proliferaron en boa parte do país as chamadas radios libres. Unha emisora libre podémola definir, basicamente, como aquela na que todo o mundo pode facer radio. Un xeito de facela onde non existe ningún tipo de presión externa por parte de axentes económicos ou institucionais, podendo escoller os contidos cunha total independencia. Ese foi o caso de Radio Clavi, unha das pioneiras na Galiza e a única existente en Lugo, espallando as súas ondas cunha ampla variedade de programas ao longo de dúas etapas. Falamos cun dos seus representantes, Xosé Manuel Blanco, para rememorar e pór en perspectiva este fito da cultura asociativa lucense.

Radio Clavi comeza a emitir no ano 1988, aínda que podemos situar 1986 coma a data fundacional. Cóntame un pouco como foron os comezos. Que necesidades ou inquedanzas vos motivaron para levar a cabo a emisora libre?

Non o lembro. Eu fora, penso que no 85 ou 86, convidado por Radio 3 para ir a unhas xornadas de xuventude sobre radio e novas tecnoloxías en Asturias. Había xente de todo o mundo. Alí coñecín xente que participaba en proxectos asociativos e de radio. A verdade é que foi unha experiencia moi interesante, había charlas de xornalistas que escoitaba como Fernando Poblet e outros. No recinto da Universidade había unha emisora na que eu participaba xunto a outros colegas das xornadas, algúns deles eran bolseiros pola súa universidade, neste caso de xornalismo, e facíamos un programa, así que imaxino que no que respecta ao porqué do meu interese, a motivación viría desas xornadas.

O certo é que sempre tiven curiosidade pola comunicación, e anos despois desas xornadas, cando xa estaba polo Clavi primeiro faleino con Segundo, que se apuntou decontado, e despois de distintas conversas creo que foi nunha reunión con Fonso, Sito e Segundo onde tomamos a determinación de poñer unha nota no Clavi para sufragar a compra da emisora. Foi un éxito, e apuntouse moita xente que quería participar na emisora, así que mercamos o emisor cun adianto do recadado e xa tiñamos un número de xente suficiente como para comezar a preparar unha grella.

A oferta de programas (sobre música, literatura, humor, informativos, opinión, divulgación, etc.) era moi variada. Como era a vosa forma de vos organizardes e de organizardes a grella? Que requisitos existían para poderdes participar na radio?

Hai distintas etapas, que non necesariamente de meses, senón semanas ou incluso días onde entre todos os participantes imos conformando criterios de como xestionar unha emisora, pero tentando que todo teña cabida. Requisitos para ter un programa, ningún moito mais aló de ter gana de facelo e estar a túa hora na emisora.

No resto do país existían outras emisoras libres como Radio Piratona (Vigo), Radio Cecilia (Marín) ou Os Chaos (Ourense). Como era a relación de Radio Clavi co resto de emisoras comunitarias? Existía algún tipo de influencia ou reciprocidade entre ese tipo de radios?

As outras radios tiñan un xerme máis asociativo no seu inicio e no caso de Radio Clavi non fora así, a asociación xurdiu a partir da emisora. Nós éramos moito máis inxenuos sobre o impacto da comunicación

Cando comezamos non tiñamos en mente outra cousa que non fora que dispoñíamos dun aparato para ocupar un espazo radioeléctrico que nos ía permitir difundir o que cada quen consideraba interesante. Si que pouco a pouco vimos que tiña que existir a posibilidade de ocupar unha frecuencia de forma legal, xa que ata ese momento estábamos nunha situación de alegalidade e iso pasaba por xuntarse con outras emisoras cun funcionamento e obxectivos similares, e así xurdiu a coordinadora galega de radios libres. Foi tamén no Clavi a primeira reunión de constitución da coordinadora. Nin influencia nin reciprocidade pero si mesmos obxectivos. As outras radios tiñan un xerme máis asociativo no seu inicio e no caso de Radio Clavi non fora así, a asociación xurdiu a partir da emisora. Nós éramos moito máis inxenuos sobre o impacto da comunicación.

Coa posta en marcha da Lei de Ordenación das Telecomunicacións a comezos de 1988, Radio Clavi e as demais radios libres vense na obriga de pór fin ás súas emisións. Como lembras ti eses días? Como foi toda a resposta cidadá a este suceso?

Non o lembro así. Tíñamos algunhas citacións para deixar de emitir ás que a verdade non lle faciamos moito caso. Tamén apercibimentos de sanción, algunha sobre 500 millóns de pesetas, iso non era un problema: se fosen mil pesetas sería un problema mais real. A verdade é que non nos preocupaba moito porque estábamos negociando coa Xunta a concesión de licenzas para radios libres, comunitarias, culturais ou como queiras denominalas, pero que non eran nin comerciais nin municipais nin emitían publicidade, e as negociacións para a existencia desas frecuencias ía por bo camiño. Un día chegoume unha citación para me presentar no chamado nese momento Goberno Civil. O gobernador díxome que ía ter que actuar porque tíñamos unha denuncia doutro medio, que a verdade que el escoitaba a radio e non parecía que fixéramos algún mal, dentro do que podía recollerse na liberdade de expresión e que coñecía mais xente que a escoitaba, pero que ese era o problema, porque aparecíamos na lista de difusión e as radios comerciais estaban protestando e unha delas tramitara unha denuncia. O certo é que me arrepinto de non lle ter preguntado canta xente nos escoitaba, nunca mo formulara. Eu díxenlle que nós queríamos ser legais mais que iso non dependía de nós e que o día que no espazo radioeléctrico de Lugo houbese unha concesión para ese tipo de emisoras, no caso de non ser nosa, deixaríamos de emitir.

Bastante tempo despois diso, non lembro canto, deixamos de emitir porque para participar no concurso de frecuencias no que había unha frecuencia para Lugo de emisoras coma a nosa, radios libres, convencéronnos de que non tíñamos ningunha oportunidade de acadar a frecuencia se estábamos emitindo sen ter unha concesión, e o certo é que estabamos convencidos de que podíamos conseguir a licenza ou polo menos quen a acadara tería que seguir a norma recollida para a concesión, éramos inxenuos e descoñecíamos que para incumprir a norma ninguén mellor que o lexislador.

Ao ano seguinte, en 1989, a Xunta convocou un concurso para a adxudicación de emisoras, que no caso de Lugo finalmente foi a parar á Asociación de Prensa. Que supuxo este feito para vós?

Para nós foi triste, para a Asociación da Prensa foi, e máis para súa historia, vergoñento. Eu tiña e teño bastantes amigos xornalistas, sei das dificultades dunha relación patrón traballador, en calquera sector. Pero utilizar como instrumento unha asociación de prensa, conformada por traballadores xornalistas para impedir que na túa cidade existira unha emisora cultural porque o teu patrón non quere ter “competencia”… A Asociación da Prensa non tiña ningún interese na frecuencia, e menos os seus asociados.

O importante non era que Radio Clavi ocupase esa frecuencia, que era polo que nós loitábamos e para o que presentamos un proxecto que acadou maior puntuación, o importante era a existencia da frecuencia para eses fins

Triste porque fixéramos todo o percorrido para acadar unha frecuencia cultural que, agora si de forma ilegal, en realidade eliminaban. O importante non era que Radio Clavi ocupase esa frecuencia, que era polo que nós loitábamos e para o que presentamos un proxecto que acadou maior puntuación, o importante era a existencia da frecuencia para eses fins.

Xa para rematar, cal é o recordo máis fermoso que tes en relación a Radio Clavi? Que cres que supuxo ter un proxecto así para unha cidade coma Lugo?

A lembranza máis interesante, tamén fermosa, foi a capacidade de xuntármonos ao redor dun proxecto de difusión cultural e participativo unha chea de xente con inquedanzas e obxectivos dispares pero que confluían no interese de achegalas a outra xente, dun xeito anárquico e cun grao de auto-organización e responsabilidade moi grande: non é un oxímoro.

Non son a persoa para avaliar a pegada que tivo para a cidade, nin creo que o obxectivo dun proxecto colectivo coma ese tivese que ter como obxectivo un impacto para a cidade, xa o tiña para nós, o importante era participar do proxecto, como emisor ou ouvinte, en calquera caso participante. E mais aló, incluso sen participar como emisor ou ouvinte había outros xeitos de participar na radio, nas mobilizacións, nos deseños, nos debates, como entrevistado, na retransmisión das actuacións… Todo iso e máis conformaba Radio Clavi.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará