O Pensa Lugo muda circunstancialmente o xeito de publicar as novas e o xornal

Dende a equipa do Pensa Lugo vémonos obrigadas a mudar de forma temporal o xeito de publicar as novas e o propio xornal debido ao contexto actual ben coñecido por todas.

A nosa pretensión dende o nacemento foi publicar con periodicidade bimensual e en papel e, posteriormente, subir as novas xa publicadas á rede. As circunstancias actuais dificúltannos seguir co modelo que pretendiamos para seguir ofrecendo xornalismo de calidade en papel, dadas as complicacións económicas, de preparación e de reunión.

O mes pasado avisabamos ás nosas subscritoras e ao resto do público –a través das redes e mediante correos electrónicos– da necesidade de adiar a publicación do xornal en papel que correspondía ao mes de abril para o mes de maio. Pois ben, agora tócanos adaptarnos de novo para subsistir nesta situación e seguir ofrecendo un xornalismo responsábel e veraz, motivos polos cales, dende esta semana e até finais de xuño, decidimos subir á nosa páxina web todo o contido que ía saír no vindeiro número. Esta nova forma de publicar realizarase de dous xeitos: a través de artigos en aberto, dispoñíbeis para todo o mundo, e a través de contido exclusivo para as subscritoras do xornal, ante a imposibilidade de recibir nos seus fogares o exemplar en papel adiado que correspondía ao presente mes de maio. Unha vez pasado o mes de xuño, todos os artigos quedarán publicados en aberto.

Este cambio é temporal e non afecta aos valores que defendemos como xornal comprometido socialmente. Cando a situación da “nova normalidade” o permita, voltaremos a reunirnos e a traballar como o viñamos facendo os meses pasados. A nosa condición de proxecto local, autoxestionario e comunitario esíxenos buscar saídas que garantan a nosa supervivencia e a solvencia económica, polo que agora máis ca nunca consideramos esencial o apoio das nosas subscritoras e de calquera persoa disposta a colaborar. Non somos nin pretendemos ser un medio hexemónico, pero si que procuramos transformar a realidade e combater as inxustizas máis próximas a través dun xornalismo reflexivo e crítico.

Así, agardamos voltar a vernos pronto nas rúas, lugar onde nacemos e a onde sentimos pertencer, voltar aos barrios e aos centros sociais para seguir contribuíndo a mudar realidades grazas ao compromiso de toda a nosa equipa, quen incluso en momentos difíciles soubo manterse en pé e buscar alternativas para un proxecto no que seguimos crendo máis que o primeiro día. Nacemos da necesidade e tamén mudamos por necesidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará