Análise dos últimos datos sobre uso e coñecemento da lingua galega

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar o pasado mes de setembro a Enquisa Estrutural a Fogares: Coñecemento e uso do galego, realizada durante o ano 2018 e cuxos datos saen agora á luz pública para dar unha panorámica xeral sobre dito coñecemento e uso do galego en diversos ámbitos da vida cotiá. A realidade que amosan estes datos foi posta de manifesto pola Mesa pola Normalización Lingüística nunha charla na capital lucense o pasado mes de novembro, onde ademais de detallar a súa significación, se ollou de forma crítica o panorama máis próximo en canto á problemática lingüística que, se ben se viña articulando ao carón dos estudos anteriores do IGE, semella erixirse de forma máis clara e definitiva cos datos máis recentes; dende a Mesa pola Normalización Lingüística sinálase a existencia dunha imposibilidade para levar unha vida monolingüe en galego na Galiza. Pois ben, malia que esta afirmación pode semellar moi severa e contundente, a análise do uso e coñecemento do galego na enquisa do IGE ofrece ferramentas que lexitiman a devandita aseveración. 

Dende a Mesa pola Normalización Lingüística sinálase a existencia dunha imposibilidade para levar unha vida monolingüe en galego na Galiza.

Así pois, ao referirnos ao contraste con estudos anteriores do IGE, é observábel o retroceso de galegofalantes dende 2008 ata 2018. 

Evolución da porcentaxe de persoas segundo a lingua na que falan en Galiza, de acordo cos estudos do IGE

Así pois, esta gráfica evolutiva amósanos o avance do castelán como lingua que se emprega máis     que o galego e que semella ir collendo terreo con forza. En relación a isto, un dato relevante que se extrae deste estudo máis recente do IGE,  e unha posíbel causa do avance do castelán, é que o 24 % de nenas e nenos entre os cinco e os catorce anos non sabe falar galego; esta realidade entronca coa transmisión da lingua, cuxas principais institucións vehiculares son a familia e a escola; se ben a familia segue a ser a principal fonte de aprendizaxe da lingua en perspectiva xeral, se nos achegamos ao grupo de idade anterior, de cinco a catorce anos, a principal fonte de transmisión e de aprendizaxe da lingua galega é a escola no 93,73 % dos casos, é dicir, de xeito claramente maioritario. Este dato tan relevante remítenos, entón, á importancia da educación como estrutura de transmisión da lingua nas etapas infantís e adolescentes, e máis cando unicamente o 16,64 % da poboación galega escribe habitualmente en galego fronte ao 82,14 % que o fai en castelán. A influencia da familia como institución determina frontalmente esta realidade, pois os datos tamén revelan que o 44,34 % das familias educa en galego fronte ao 31 % que o fai en castelán. 

Os ámbitos laboral, social e xudicial amosan un alarmante desuso do galego

A incidencia destes datos asoma tamén no mundo laboral, onde a comunicación con cargos superiores se realiza máis en castelán (35 %) que en galego (25 %), algo semellante á hora de tratar con clientes, onde o 24 % emprega sempre o castelán. Destes ámbitos despréndese o social, onde a comunicación se desenvolve máis en castelán que en galego, e onde é preciso ter en conta a xente que emprega ambos idiomas pero con predominancia clara do primeiro  por enriba do segundo. O ámbito social é un dos máis rechamantes a nivel de uso do galego, pois as porcentaxes de persoas que empregan sempre o galego neste ámbito non superan o 35 %, tanto no que atinxe a comunicación con amizades, persoal sanitario, persoal da banca ou persoal da administración; relativo a isto, como sinalaba na súa charla A Mesa pola Normalización Lingüística, a administración pública adoece de graves carencias á hora de garantir que calquera proceso administrativo se poida realizar en galego. Proba disto é o ámbito relativo á xustiza, onde o galego está presente en menos do 5 % da documentación xudicial, o que provoca unha preeminencia abafante do castelán neste eido parello ao contexto social que estamos a ver. 

Os medios de comunicación na Galiza publican na súa maioría en castelán: consumimos información diaria que non está en galego
O galego está presente en menos do 5 % da documentación xudicial, o que provoca unha preeminencia abafante do castelán neste eido

Outro contexto de uso do galego que analiza o IGE nestes datos é o relativo aos medios de comunicación, onde o idioma predominante de uso é o castelán, tanto na radio —o 40 % escoita a radio sempre en castelán e o 47 % escóitaa máis en castelán ca en galego—, na televisión —o 27 % ve a televisión sempre en castelán e o 56 % vea máis en castelán ca en galego— coma na prensa escrita —o 60 % le sempre prensa escrita en castelán—.  A porcentaxe de persoas que consome radio, televisión e prensa escrita sempre en galego non supera en ningún caso o 5 %, outro dato máis que revela a falta de uso do galego neste eido. Como é sabido, os medios de comunicación constitúen unha parte fundamental para sociedade que atinxe ao día a día, ao cotiá da vida,  pois é onde se nos achega o que sucede no noso arredor máis próximo e non tan próximo. A súa influencia é xigantesca e moi significativa á hora de provocar reaccións, indignación social ou de mudar o imaxinario colectivo e invitar á reflexión política e social; non todos teñen a mesma incidencia, pois os máis grandes e os que teñen máis recursos económicos chegan a máis sitios físicos en papel, o que implica que a xente os merque máis ou os lea nos establecementos habituais para iso, coma nos bares ou nos centros sociais, e que, polo tanto, teñan máis poder de influencia no pensamento social. Se se pensa cales son os principais medios de comunicación en papel en Galiza e se analiza o uso que fan do galego, pódese entender mellor este dato sobre a falta de consumo de medios en galego, principalmente porque os máis grandes, os hexemónicos, non o empregan nunca nas súas edicións diarias. É fundamental, entón, a existencia de prensa escrita en galego para fomentar a lectura de información no noso idioma e que este se articule coma unha lingua vertebradora de contidos informativos e creadora de pensamento social. Xa non só é fundamental isto para a lectura de prensa escrita en galego, senón para a literatura en xeral, pois o datos sinalan que un 54 % le sempre libros en castelán e un 41 % le máis en castelán ca en galego, fronte ao 1,19 % que o fai sempre en galego e o 4 % que le máis en galego ca en castelán. Existe literatura en galego de todos os xéneros literarios, pero o seu fomento é pouco ou nulo, algo no que tamén inflúe a educación como institución, xa que o uso de material en galego é preciso para reverter estes efectos en canto á lectura. Mais non é só nos libros en papel, á hora de navegar por Internet e de empregar as redes sociais, a lingua máis usada volve ser o castelán, onde o 70 % das persoas o emprega para as súas pescudas na rede e o 53 % para escribir nas redes sociais.

O uso predominante do castelán nas redes sociais afecta de cheo ao uso da lingua entre a xente máis nova

Pois ben, no que atinxe ás redes sociais sabido é, se hoxe en día hai un uso interxeracional das mesmas, a xente máis nova é quen fai máis uso delas, pois as xeracións nadas no século XXI viviron dende pequenas o desenrolo máis grande da tecnoloxía máis cotiá, coma os teléfonos móbiles ou os ordenadores, elementos que agora se tornan imprescindíbeis nas vidas de calquera, pero máis entre esas xeracións, pois a tecnoloxización chega tamén ás escolas e aos institutos. A tecnoloxía semella, entón, ser unha ferramenta de uso cotiá no ámbito educativo, onde a partir dos datos do IGE se revela que o 25 % do alumnado total recibe as clases maioritariamente en castelán fronte ao 11 % que o fai maiormente en galego; aquí, revela o IGE que hai case unha paridade entre o uso de galego e de castelán, onde o 72  % do total do alumnado de idades comprendidas entre cinco e dezaseis anos recibe igual proporción de galego que de castelán nas aulas; agora ben, iso cambia na ensinanza para a xente de dezasete ou máis anos, onde o 41 % recibe máis clase en castelán que en galego. Obsérvase, por tanto, unha predominancia do castelán, pero destaca a alta porcentaxe na que a ensinanza de ambas linguas semella impartirse por igual, ese 72 %. Ben, estes datos contrastan entón cos que viamos relativos ao uso do galego, onde sinalabamos que o 24 % de nenas e nenos de idades comprendidas entre cinco e catorce anos non saben usar o galego. Apuntamos tamén que as institucións educativas son, para as crianzas deste grupo de idade, as principais transmisoras da lingua. Entón, se a paridade en ensinanza de galego e de castelán é tan elevada, por que as crianzas non saben usar o galego? A importancia desta cuestión semella clave, pois para supervivencia dunha lingua é preciso que haxa un relevo xeracional que garanta a súa perdurabilidade, algo que aquí é preciso cuestionar.

É fundamental a existencia de prensa escrita en galego para fomentar a lectura de información no noso idioma e que este se articule coma unha lingua vertebradora de contidos informativos e creadora de pensamento social.

Pois ben,  para unha análise correcta destes datos que non se reduza só a procesar datos porcentuais, é preciso dar un contexto para comprender o panorama educativo que se ven desenrolando na Galiza dende o ano 2010 coa entrada en vigor do chamado Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Esta normativa veu a establecer as materias que debían ser impartidas en galego e en castelán exclusivamente e cales quedaban a decisión dos centros educativos pero con paridade de horas, é dicir, nesa liberdade de decisión lexislativa esíxese, á súa vez, que ambos idiomas conten coas mesmas horas de ensinanza impartida á semana. Dentro das imposicións ao ensino, quedou a liberdade para mestras de infantil de impartir docencia na lingua predominante entre o alumnado, cuxa decisión debe tomala o centro educativo estudando a lingua máis empregada entre as crianzas. En educación primaria establece a obriga de impartir matemáticas en castelán e, en secundaria, de impartir matemáticas, tecnoloxía, física e química en castelán. Pois ben, lonxe de dinamizar o uso do galego, os datos amosan que a transmisión xeracional está fallando. Non é casualidade que no pasado mes de decembro, o Consello de Europa, encargado da defensa e promoción dos dereitos humanos, especialmente dos civís e políticos, perante a Unión Europea, advertise á Xunta de Galiza do perigo de limitar o uso do galego na ensinanza, recomendando a dito goberno da Xunta que eliminase inmediatamente tales barreiras limitadoras. Non é a primeira vez que isto acontece, pois en 2012 e en 2016 o goberno da Xunta de Galiza xa recibira advertencias deste Consello de Europa ante o incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que o Estado español asinou en 2001 comprometéndose a garantir a maior protección posíbel para o galego, o euskera e o catalán en ámbitos institucionais e públicos. Lonxe de ser unha realidade factíbel, os poderes públicos da Galiza semellan non ter contribuído á protección do galego, algo que se palpa na realidade sociolingüística actual.

O profesorado eríxese como unha arma clave pra intentar reverter no máximo posíbel a situación do galego en educación

A desprotección do galego nos ámbitos públicos é xigante e, en educación, o xa citado decreto para o plurilingüismo contribuíu enormemente a afincar o galego como lingua minorizada no noso territorio. Esta situación semella insostíbel se non hai unha intervención institucional, algo que non parece estar preto de cambiar, pois o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoó, respondeu ás advertencias do Consello de Europa dicindo que “se hai informes que están en contra de que os galegos poidamos estudar, coñecer e falar en inglés, alá eles”, evitando referirse ao problema que sinala o Consello de Europa e empregando o inglés como arma arreboladiza para evitar recoñecer o efecto devastador que sobre o galego ten dita normativa. Ante estas declaracións do presidente da Xunta, semella que o plurilingüismo é un eufemismo político baixo o cal se esconde unha intencionalidade de diminución progresiva de uso do galego en educación. É, entón, claro que as institucións copadas por este goberno do Partido Popular son conscientes da importancia de influír no ámbito educativo para mudar a sociedade de cara o futuro máis próximo e de cara tamén ao non tan próximo.  Dende este xornal, conscientes de que a educación é unha ferramenta clave para o cambio social, quixemos entrevistar a dúas profesoras de secundaria da nosa provincia, onde o decreto do plurilingüismo marcou que as materias relacionadas co que se denomina ciencia se deben impartir en castelán. As nosas protagonistas son Laura e Carmen, profesoras en centros de Sarria e de Meira, respectivamente. Ambas, con experiencia en cidade e en rural impartindo aulas, ofrecen unha perspectiva relevante á hora de interpretar os datos que nos competen neste artigo, así como encamiñar as perspectivas de futuro da educación.

Laura é profesora de matemáticas en Sarria, onde recentemente obtivo a praza fixa despois de pasar polo IES Ánxel Fole de Lugo entre outros múltiples destinos anteriores nos trece anos que leva impartindo docencia en galego. Orixinaria de Castroverde, pero con residencia afincada en Lugo capital, compartiu co Pensa Lugo as súas reflexións sobre os últimos datos do IGE e a situación do galego no ensino urbano.

Laura, ti en que cursos dás matemáticas? 

Pois depende do ano, podo dar en toda a ESO e bacharelato porque cada ano repartimos os grupos de maneira distinta. Agora mesmo dou en 1º, 2º e 3º da ESO.  

Claro, unha cousa interesante, porque ti mates en que lingua a dás? 

Eu douna en galego, pero non a podo dar en galego, teño que dala en castelán, pero douna en galego igualmente.

E tés algún tipo de repercusión?

De momento nunca tiven, nin a nivel do profesorado, nin a nivel de inspección, nin a nivel de pais e nais. Nunca tiven ningún problema. Si que houbo unha vez un compañeiro que me dixo que estaba a cometer unha ilegalidade e díxenlle que certo, que se me quería denunciar que o fixera, pero non o fixo, vaia. 

Se o profesorado pode reaccionar así, como consideras o panorama do galego no ensino?

O galego no ensino está desaparecendo totalmente, e cos datos do IGE de que un de cada catro nenos non se sabe expresar na súa lingua materna é aínda máis forte.

E na secundaria como anda a cousa? 

No ensino obrigatorio, primaria e secundaria, non se saben expresar en galego. Iso é unha realidade e, sobre todo, xa non fai falla que teñas datos do IGE, se ti falas co profesorado que leva máis de dez anos impartindo clase diranche que notan un retroceso do galego brutal. Non só na cidade, que xa o había, senón que tamén nas vilas, onde se comeza a notar un retroceso tremendo de nenas e nenos que non se saben expresar en galego, é dicir, que non se está transmitindo ben o galego de pais a fillos.

Claro, é que ademais o que dis de que o retroceso do galego está afectando ás vilas aumenta máis a preocupación pola situación.

Si, está afectando ás vilas, xa che digo, fai dez anos podías ter este problemas nas cidades e ao mellor nalgunha vila costeira das Rías Baixas ou así, pero é que agora ti falas con profesores de sitios coma Guntín ou Cospeito e vas atopar con que che din que, de dez anos para aquí, o retroceso do galego foi brutal.

Entón, cando impartías clase en Lugo cidade tiña que ser moito peor…

Eu na cidade xa notei sempre que os nenos e nenas non falaban o galego. Dende o principio xa había un problema moi grande; a adolescencia é unha etapa moi complicada onde para integrarse a mocidade fala castelán e que non os miren como bechos raros.

Ou sexa, hai dificultade para impartir as clases en galego como tal?

Existe dificultade para impartir as materias en galego por falta de material, e xa non só en ciencias, que é gravísimo, senón tamén, por exemplo, en atención a diversidade.

Exactamente, tamén existe dificultade para impartir as materias en galego por falta de material, e xa non só en ciencias, que é gravísimo, senón tamén, por exemplo, en atención a diversidade.

E como se atalla isto dende a dirección dos centros?

Non se atalla. Outro dos problemas que temos co galego é que nos orzamentos que a Xunta destina para os equipos de dinamización e normalización lingüística, aínda que o galego normalizado non está, hai unha media de tres euros por neno. Hai en centros onde non chega ao euro e máis ou menos un neno vén pagando tres euros polo autobús en calquera actividade na que se saia fóra do colexio. 

Isto todo sumado a que ti dás clase en idades complicadas, onde todo pode influenciar e cambiar a unha persoa.

Exactamente, es moi permeábel, moi volúbel, e por iso creo que é importante que os nenos vexan docentes impartindo en galego. Precísanse docentes que sexan referentes para alumnado á hora de empregar o galego, xa que noutros ámbitos non os teñen, coma nos medios de comunicación, nos debuxos ou na música comercial.

E ti que vives do ensino, cres que aínda queda algún tipo de esperanza para o cambio? A xente que estades concienciadas no ensino, por exemplo.

Esperanza sempre hai que ter, hai que ser optimistas, hai que intentar concienciar á xente do importante que é o galego, do importante que é que os nenos e nenas, o alumando, coñeza a súa lingua. Pero, ben, é unha pelexa continua e, sobre todo, o problema é que unha pelexa contra titáns, contra unha Xunta de Galiza que non potencia, que non che axuda a potenciar e contra uns  medios de comunicación que non che axudan a iso. Creo que todos temos que aportar o noso grao de area e intentar que vexan que o galego é cultura, que o galego é noso, a nosa lingua. 

Pero ti dicías algo moi interesante de que cando a xente ía a cidade cambiaba de lingua por presión social, que iso sempre é un pouco o medo entre o rural e o urbano. Cres que iso está máis acentuado hoxe en día? 

Si, por desgraza si. Por desgraza o galego séguese vendo coma unha lingua desprestixiada totalmente e para os nenos segue habendo certos estereotipos, errados, pero seguen estando dentro, non só dos nenos e das nenas, senón dos pais, das nais e da sociedade en si.

A importancia de familia como transmisora da lingua…

Si claro, efectivamente. É dicir, para cambiar os estereotipos, no ensino facemos o que podemos pero, despois, é a familia quen ten o poder… Non pode ser que non se lles fale en galego, que un rapaz se comunique en galego non pode ser unha paletada. 

E coas nais e pais nunca tivestes problemas ou algunha situación?

A ver, problemas si. É que introducir o decreto do plurilingüismo fixo moitísimo dano, non pode introducirse outra lingua coma o inglés a costa de machacar a lingua materna. As nais e pais pensan maioritariamente que o importante é o inglés, pero, independentemente de que iso sexa unha realidade, ou non, dende logo, unha cousa non ten por que ocultar a outra; é dicir, estudar inglés non ten por que implicar que desapareza o galego das aulas. Entón, ás familias iso cústalles entendelo e dálles igual, queren que os rapaces estuden inglés sen decatarse de que o profesorado non está formado para impartir aulas en inglés.

E ao equipo de docentes dálles igual, neste senso, como ás familias? 

Eu creo que o profesorado é consciente do que está pasando co galego e da importancia do galego. O problema que temos como sociedade en xeral é o estancamento, a falta de mobilización, a falta de poñer un puño na mesa e dicir “isto hai que paralo”, tamén por medo a repercusións claro. 

E ti cando escoitas isto de “nos imponen el gallego en educación”, que pensas como docente?

Que é unha mentira total, non é a realidade; as nenas e nenos sempre van ter competencias en castelán porque hai materias en castelán e van seguir rodeadas de medios, música e xente que empregue o castelán; é dicir, non hai ningún tipo de imposición, ao contrario, impóñennos o non galego: non temos materiais para impartir as materias en galego e obrígannos a empregar o castelán. O da imposición foi unha mentira de Galicia Bilingüe que lle axudou a Feijoó a gañar unhas eleccións… Xa me gustaría saber a min onde está a imposición esa.

Claro, como que hai máis vías para aprender castelán fóra da educación, e en galego semella que a vía fundamental é entón a educativa.

Claro que é unha vía fundamental, porque para o castelán hai moitas vías, é dicir, vivimos rodeados de castelán pero non de galego, e cada vez nos están quitando máis vías para aprendelo; non temos medios de comunicación, na administración prefiren o castelán, se vou á xustiza tamén…, entón se no ensino tampouco hai galego, como se vai aprender galego?

Pero entón iso artella unha imposibilidade de levar unha vida monolingüe en galego.

Agora mesmo é imposíbel manter unha vida monolingüe en galego total; pero xa non só é que non atopemos material, é que dende a Xunta vetáronse materiais en galego que fixo o profesorado de matemáticas para que houbese, é dicir, que ademais de obrigarnos a impartir as materias científicas en castelán, tampouco nos deixan crear nin ter materiais en galego. 

E por que cres que se cebaron tanto coa ciencia á hora de impor o castelán?

Non queren que se faga ciencia en galego co argumento de “es que matemáticas en gallego es muy difícil” e tivo tanto calado na sociedade que non se cuestiona, cando é totalmente mentira. As mates non son máis difíciles en galego ca noutro idioma, nin hai palabras raras nin enrevesadas, hai palabras en galego como as hai nas outras linguas e punto, o que hai é que enfocalas ben e xa está. É unha escusa.

E ti, tanto en Lugo como en Sarria, que botas de menos para concienciar ao alumnado sobre a importancia de empregar o galego?

Boto de menos axudas para a normalización lingüística, implicación do profesorado, apoio externo das familias, que entendan a necesidade de impartir aulas en galego… Boto de menos máis conciencia, pero é un problema da sociedade en xeral.

Claro que ti estás desobedecendo á administración por impartir clases en galego; hai moito profesorado que desobedece?

Si que hai moita xente que desobedece e que imparte as súas aulas de matemáticas en galego, sobre todo porque era como as viñamos dando antes do decreto do plurilingüismo e, porque agora nos obriguen a facelo en español, non imos mudar. Por sorte, se os datos dos que falamos non son peores é porque hai profesorado que está saltando as normas.

Semella coma se estivésedes nunha trincheira de guerra…

Exactamente, e non só o profesorado de ciencia, senón tamén o de infantil, que se rebelou contra a imposición e dá as aulas en galego; nesta idade, as nenas teñen que criarse vendo que a lingua galego é tan válida coma outra e ten o mesmo prestixio.

E tés persoal docente que informe da situación do galego noutras provincias de Galiza?

Si, vaia, en A Coruña e Pontevedra é moito peor que en Lugo e Ourense; eu din clase en Baiona en 2008 e, cando cheguei, dixéronme que era unha radical por impartir as aulas en galego…, e daquela aínda podía facelo, non era que me estivera rebotando, e xa me chamaron radical. Atopeime cun alumnado pouco acostumado ás aulas en galego, pero moi receptivo.

Ou sexa, a presión é externa pero o alumnado é totalmente receptivo ao galego.

Exactamente; cando lles explicas as razóns de por que empregas galego, de que a lingua se está perdendo, a cultura, de que é necesario falalo e escribilo, enténdeno moi ben; o alumnado non é problema, o problema é a administración da Xunta.

A nosa segunda protagonista é Carmen, profesora do Departamento de Filosofía no IES Pedregal de Irimia de Meira; orixinaria de Castro de Rei, onde rexenta un taller de pintura e escultura, Carmen leva trinta anos adicada á docencia, un proceso a través do cal ela mesma, que recibira unha educación en castelán durante a súa adolescencia, se fixo consciente da importancia de dar as aulas en galego para asegurar a supervivencia da cultura e da lingua. 

Que tal, Carmen, como ves o panorama en secundaria?

Pois moi diferente de fai trinta anos; hoxe o alumnado ven a clase a facer máis vida social, para paliar as carencias do rural e abandonan moito o que é o traballo académico, pero hoxe o alumnado ten moito que aportar. 

Quizais a precariedade actual pode ter algo que ver?

Si, a situación que vive o alumnado é moito máis difícil hoxe en día, o sentir que estudar non garante un traballo é desesperanzador, entón, a motivación de cara os estudos nada que ten ver co que era antes…

E relacionado co uso do galego, como cambiaron as cousas?

Ben, eu en Meira sigo notando que hai interese polo galego e que falan galego nas súas vidas cotiás; hai algún alumno que non, que sempre che pregunta se teñen que facer os traballos en galego e eu, obviamente, respóndolles que si, que é a lingua da materia.

E antes de Meira, estabas en Vilalba (14 226 habitantes), non? 

Si, e en Vilalba o panorama é totalmente distinto. Eu estiven aí vinte e cinco anos e máis cara aquí xa hai moita xente que emprega só o castelán; claro, fai vinte e cinco anos o que se empregaba maiormente era o galego. 

E por que cres que se veu dando este cambio dende fai vinte e cinco anos ata agora?

Pois ten que ver a presenza de alumnado estranxeiro, que hai moito, e que aprenden maiormente castelán como única lingua; pero, a parte diso, eu creo que hai moitos contidos que son anglosaxóns e que se traducen ao castelán, non ao galego. Vivimos unha colonización pola tecnoloxía de moitos produtos: libros, xogos, música…, e eu creo que iso inflúe nos rapaces e rapazas, que os leva a falar máis castelán ca antes. En Meira non o noto tanto, en Vilalba si que o notaba moito. 

Claro, nesas idades todo pode pasar, non? E relativo aos datos do IGE o panorama non é moi favorecedor…

Iso é moi grave, a pesar de que teñen o galego como lingua, estano a ver como algo folclórico que non poden usar en todos os eidos da vida nin como lingua vehicular… Eu creo que o uso do castelán está chegando a todas partes e se está perdendo o galego. Eu fun a un colexio relixioso onde estaba prohibido falar en castelán e despois marchei a Santiago estudar bacharelato e á universidade. Eu xa tiña moi interiorizado o castelán e, cando volvín ao galego, volvín con moita inseguridade e aí axudáronme os alumnos, a coller confianza á hora de falalo, porque non é fácil sen apoio. Eu decidín cambiar por unha tese que estaba facendo naquel momento ao ver como se perdía a cultura.

De que era a tese?

Unha análise do cambio de formas territoriais coa concentración parcelaria, onde me dei conta de que a lingua se perdía aí, porque claro, non podes permitir que se perda unha lingua. Onde se deu concentración parcelaria, introduciuse maquinaria, e o traballo que antes era colectivo entre a veciñanza deixou de realizarse e a sociedade volveuse moito máis individualista, o cal levou a unha perda da comunicación en galego e, parello aos cambios culturais tecnolóxicos e á falta de medios de comunicación en galego, influíu moito no proceso de evolución do galego ata agora. Dei o cambio o galego e xa ata agora.

Ou sexa, ti mudaches por unha cuestión de conciencia, non?

Si, eu mudei porque me dei conta de que a cultura se perdía; ademais, o meu pai educounos nunha máxima de dicir que se tiñas o privilexio de estudar, tiñas a obriga de devolverlle ao mundo rural do que viñamos todo o que nos dera, e unha cousa é a lingua e a cultura.

O rural precisa ser dinamizado e que non todo pase pola cidade, que experimenta máis cambios uniformador. O rural empeza a reclamar cambios culturais e, sobre todo, veñen promovidos por mulleres, ou eu nos espazos de lectura, por exemplo, nos que me movo sempre están cheos de mulleres.

Algo así como converter o rural nun foco de seguridade para a cultura e a lingua?

Si, ademais que o rural precisa ser dinamizado e que non todo pase pola cidade, que experimenta máis cambios uniformador. O rural empeza a reclamar cambios culturais e,  sobre todo, veñen promovidos por mulleres, ou eu nos espazos de lectura, por exemplo, nos que me movo sempre están cheos de mulleres. 

Ti cres que esta perspectiva túa de resistir no rural coa cultura galega é moi compartida entre xente da túa profesión?

Non, a xente que vive nas aldeas é porque leva toda a vida alí, pero os licenciados están todos fóra, na cidade, é coma se lles resultase duro irse ao rural e quedan na cidade.

Entón, por esta resistencia no rural pode ser que en Meira se siga falando tanto galego?

Si, pode ser. O instituto de Meira colle xente de moitos concellos darredor que pertencen ao rural, algo que por exemplo en Vilalba pasaba menos e onde se notaba moitísimo a penetración do castelán. 

Que botas en falta para dinamizar a cultura galega dende os institutos?

Pois depende da dirección dos centros; en Vilalba agora hai unha directiva de mulleres e nótase, intentan facer o alumnado partícipe das actividades, sen ser tan xerárquicas, darlles unha educación vivencial, experimental, que non sexa memorística senón que se eduque en valores, e iso é fundamental para a transmisión de valores culturais. Logo, non hai presuposto suficiente por parte da Xunta para facer este tipo de actividades, que parece que propón cousas pero logo non lles dá presuposto aos institutos para levar a cabo actividades que poñen no papel, pero que non lles interesan na práctica.

É que iso de educar en valores manifesta a importancia da educación como base da sociedade…

É moi motivadora, a educación é básica para educar en valores e hai que confiar na xente nova; eu aposto pola creatividade, pídolles actividades que lles fagan pensar e reflexionar e iso é algo que no se potencia de arriba, as persoas críticas, non se ven como persoas integrais, senón como entes memorísticos.

Ti remarcas moito o problema da tecnoloxía, é tan grave para a cultura galega?

Si, é terríbel. A tecnoloxía ten cousas boas e paréceme unha ferramenta incríbel, pero a xente nova está todo día nas mans con tecnoloxía que está en castelán e é moi difícil loitar contra iso, porque o ensino queda nunha segundo plano para eles; competir con iso é moi difícil, hai moitos intereses do alumnado contrarios a aprender. A tecnoloxía é un medio de educar, e é un medio que está en castelán.

E como ves o panorama futuro partindo disto?

Uf, moi complicado; pasa que eu entendo o que lle pasa ao alumnado, todo o que é importante para eles noutro xeito está noutra lingua, entón de cara o futuro vai seguir así. O galego non está presente nese ámbito no que tanto se moven. O tipo de mundo que temos vai cara unha uniformación da cultura que está en castelán, non en galego.

A xente nova está todo día nas mans con tecnoloxía que está en castelán e é moi difícil loitar contra iso, porque o ensino queda nunha segundo plano para eles; competir con iso é moi difícil, hai moitos intereses do alumnado contrarios a aprender. A tecnoloxía é un medio de educar, e é un medio que está en castelán.

6 Comments on “O galego, un idioma na trincheira?”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará