A relación entre a música jazz e a cidade de Lugo lévase afianzando, paseniño, desde xa hai uns anos. Un tempo onde a nosa cidade, salvo pola feroz resistencia exercida polo clube Clavicémbalo, pasou de se encontrar illada do tecido cultural galego de música ao vivo a un tímido espertar en forma de pequenas propostas en que o impacto económico, coma valor en común, non o monopoliza todo. Entre todos eses fíos que buscan tecer, asociarse, xerar cultura… existe un que destaca pola súa lonxevidade, capaz de se alongar desde os comezos da década dos noventa até os nosos días. Como é costume cada novembro, o Festival de Jazz de Lugo celebrou unha nova edición, a vixésimo novena, cun público que respondeu sobradamente as expectativas do cartaz, contando con máis de quince concertos repartidos en oito días. Porén, non sempre foi así.

Entre todos eses fíos que buscan tecer, asociarse, xerar cultura… existe un que destaca pola súa lonxevidade, capaz de alongarse dende os comezos da década dos noventa ata os nosos días

Os comezos hai que buscalos na afección común polo jazz dun pequeno grupo de amigos que, en 1991, deciden crear a asociación cultural “Escobijazz” para poder gozar e promover a súa paixón. Aínda que centrada nun primeiro momento en programar concertos individuais, ese mesmo ano deciden levar a cabo a primeira edición do festival que hoxe coñecemos, celebrándose durante tres días na Facultade de Maxisterio e converténdose, deste xeito, no decano do xénero no país. Entre a primeira edición e esta última, podemos albiscar unha enorme evolución a todos os niveis, incluíndo artistas, actividades, infraestruturas, apoios económicos ou impacto na cidade.

Nunha liña xa consolidada, mais ascendente canto a prestixio, os músicos desta pasada edición volveron demostrar por que en Lugo temos un festival de jazz con pouco ou nada que envexar ás grandes cidades. Un destes exemplos foi, sen dúbida, Ron Carter. Contrabaixista con preto de 2500 discos gravados, as seis décadas que leva en activo levárono, entre outros moitos fitos, a formar parte do quinteto dun dos músicos máis decisivos na historia do jazz: Miles Davis. O seu concerto permitiunos coñecer as súas composicións máis destacábeis e repasar algúns estándares coa visión e a experiencia que dan sesenta anos enriba dos escenarios.

Outra das actuacións máis inesquecíbeis foi a do ferrolán Baldo Martínez, celebrando o 20 aniversario do seu “Projecto Miño”. Os oito temas que o forman buscan pór en valor a tradición musical existente nas vilas e pobos que percorren a fronteira do río Miño con Portugal, demostrando ao vivo que a orixinalidade e versatilidade dos arranxos non están en disputa coa coherencia do discurso.

Se o noso interese ía na procura de novos talentos, os nomes de Pere Navarro, Carola Ortiz ou Andrea Motis semellaban os máis apropiados. En especial esta última, catalana nada en 1995, hoxe xa considera estrela mundial grazas ao seu talento coa trompeta, instrumento que leva tocando desde os sete anos. O seu foi un pase en que a súa xuventude quedou eclipsada por unha gran madurez na posta en escena, sobre todo grazas ao seu labor multidisciplinar, combinando a trompeta con interpretacións vocais. Do mesmo xeito, cómpre sinalar que, entre os concertos máis divertidos desta edición, sobresae o nome da Dirty Dozen Brass Band. O conxunto de Nova Orleans converteu as primeiras filas do salón do Círculo nunha pista de baile en que foi imposíbel distinguir onde comezaba o escenario, rachando así con esa dinámica estática habitual do público.

A inclusión do Clavi non só fala de diversificar a oferta cultural da cidade fóra do centro, senón tamén de permitir unha entrada máis asequible en termos económicos

Como reflexión final, é importante incidir na proximidade entre artistas e público, que permitiu o Círculo das Artes ao remate dos concertos, algo que xa viña acontecendo outros anos. Porén, é igualmente obrigatorio falar do xa citado Clavicémbalo, que, á vez que tamén tende a eliminar esa barreira entre artista e público, foi o encargado de continuar pola noite as sesións iniciadas no Círculo, dando cabida a un importante número de músicos galegos. A inclusión deste espazo non só implicou diversificar a oferta cultural da cidade fóra do centro, senón tamén de permitir unha entrada máis accesíbel en termos económicos. Se ben é certo que houbo un aumento do prezo en comparación con outros anos, hai que ter en conta a xa mencionada liña ascendente canto a prestixio do cartaz, asignando un valor das entrada acorde ás artistas que o conforman, e que noutros contextos ou cidades serían claramente máis elevadas.

79 Comments on “O Festival de Jazz de Lugo volveu demostrar o seu bo estado de saúde na súa 29º edición”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará