A equipa de Pensa Lugo ten o enorme pracer de poder comunicar a estrea do primeiro número do xornal.

Pensa Lugo nace da necesidade. Da necesidade de garantir o acceso a unha información que toma como punto de partida o xenuíno desexo de servir á sociedade, de achegar ás nosas veciñas un xornalismo independente con base en Lugo e arredores que trate temáticas coas que conecten ou poidan ser de interese para as lectoras da rexión, da necesidade de debullar o día a día da contorna lucense desde un novo prisma.

Estamos acostumadas a escoitar dicir que “os medios” menten e manipulan, algo que se repite en boca da meirande parte da xente sexa cal sexa a súa postura ideolóxica. Non se pode evitar relacionar isto cunha motivación económica clara: poñer en marcha un medio de comunicación de carácter profesional e cunha estrutura forte como para chegar a milleiros de persoas require da inxección de capital, sen o cal non é posible sostelo. Pero isto ten unha contrapartida clara: para garantir a súa permanencia o medio de comunicación debe satisfacer os requisitos impostos polas mans que o financian. Faise evidente que quen finanza un medio obtén disto un beneficio: poñer a opinión pública ó seu favor, ou ó favor daquelas posicións e entidades políticas que lle reporten maior ganancia, carta libre para cometer abusos de poder que doutro xeito se verían limitados. Isto converte a información nun instrumento, e non nun obxectivo.

Perante esta realidade, o modelo que se formulou para Pensa Lugo é independente de financiación de grandes capitais ou vía subvencións públicas, poñendo así en marcha un proceso de recadación de fondos para debernos así á nosa xente, asegurando así que calquera incorrección que poida darse na información ten a súa causa no erro fortuíto e non en ningunha clase de interese na sombra. Non podemos máis que recalcar o agradecemento por todo o apoio que permitiu facer isto posible.

Debemos salientar tamén o compromiso coa cultura e, polo tanto, a nosa lingua. Sendo que a prensa que se le está maioritariamente escrita en castelán, mentres o abandono do galego leva a unha diminución do seu número de falantes, o noso xornal estará integramente escrito en galego.

Pensa Lugo xorde dos movementos sociais como un xornal sen ánimo de lucro, sen recibir nada a cambio, de maneira que o que nos leva a embarcarnos neste proxecto é o compromiso social, a mera vontade de aportar un novo enfoque. Como non pode ser doutra maneira, un xornalismo comprometido implica un xornalismo que denuncie as inxustizas e abusos sociais, polo que aportaremos unha perspectiva feminista, ecoloxista e inclusiva desde un xornal organizado de xeito horizontal. Queremos facer un xornalismo local que chegue a todas as veciñas, de aí a necesidade de facelo en papel, combinando un xornalismo de carácter pausado para as que desfruten saboreando as novas con calma no seu fogar, cun xornalismo dixerible para aquelas máis afeitas a ler na barra do seu bar de preferencia.

Este é o primeiro número de moitos que quedan por vir, cunha periodicidade bimensual. Agardamos que nos acompañedes nesta viaxe da que este é tan só o inicio e na que temos tantas ilusións postas. Porque era necesario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará