Nesta crise na que a vida tanto no rural galego coma nas comunidades indíxenas latinoamericanas parece pasar a segundo plano fronte as lóxicas de acaparación do capital, a idea da descarbonización non pode ser o único obxectivo a ter en conta

En novembro de 2019 a plataforma Salvemos O Iribio celebraba outra vitoria na súa loita contra os aeroxeradores desa serra. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificaba a paralización das obras de Fergo Galicia Vento ata que os promotores non actualicen unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA), aprobada en agosto de 2005 con gran présa polo goberno en funcións de Fraga tras perder as eleccións de xuño dese ano. Unha DIA considerada obsoleta polos ecoloxistas e polo mesmo Tribunal Superior logo dos cambios ecolóxicos e administrativos que se sucederon nesta serra. A área en disputa pertence á Zona Especial de Conservación (ZEC) Os Ancares-Courel dentro de Rede Natura 2000, catalogada tamén como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) e por onde estes anos empezou a pasear o oso pardo.


A petición da plataforma —integrada por máis de trinta colectivos, asociacións e partidos— é frear definitivamente este proxecto que atenta contra un dos espazos naturais protexidos máis relevantes do país, así como a restauración dos seus valores naturais.
Para a paralización cautelar foron clave varias circunstancias legais polas que se puideron presentar recursos pola vía xudicial. Os novos parques eólicos están prohibidos en Rede Natura, disposición que se atopa recollida tanto na Lei Galega de Aproveitamento Eólico de 2009, e no Plan Director da Rede Natura de 2014. Ademais, Anxo Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas, asinou en febreiro do 2019 unha resolución pola que se recoñecía unha modificación “non substancial” do parque, eximindo automaticamente a Fergo Galicia Vento de someter o proxecto a unha nova avaliación de impacto ambiental e do seu consecuente período de exposición pública para presentar alegacións.


Dáse a casualidade de que Tahoces atópase actualmente imputado pola Fiscalía de Medio Ambiente por unha presunta actuación irregular na explotación mineira de San Finx, con erros administrativos como a ausencia dun estudo de impacto ambiental, de carácter obrigatorio, e numerosas carencias en canto ao control da contaminación e á seguridade das balsas. Tamén estivo envolto noutro caso grave, en setembro de 2012, ao ordenarlles a funcionarios da súa consellería ocultar informes contrarios a proxectos eólicos sobre a empresa Norvento, facendo que non figurasen nos expedientes durante os trámites de exposición pública; limitando deste xeito as alegacións que se podían presentar tanto por parte da poboación, dos concellos afectados ou de empresas da competencia.
Nesa modificación non substancial, Feijóo, repetía incansable no pleno de principios de decembro que o parque pasaría a ter oito muíños en lugar dos doce proxectados nun primeiro momento. Toda unha marabilla tecnolóxica, menos muíños e máis potencia, ocupando menos superficie. A parte que parecen obviar tanto Tahoces coma Feijóo é que as novas máquinas pasarían a ser máis potentes, máis altas e dotadas dunhas pas de 136 metros de diámetro, cun cambio moi substancial no varrido, que aumentaría nun 64 %, cuestión máis ca suficiente para tramitar unha nova avaliación de impacto ambiental polas súas máis que evidentes novas afeccións á fauna e á paisaxe.
Desta maneira, e grazas á sentenza conseguida tras os recursos de diferentes asociacións da plataforma, paralizáronse unhas obras que comezaran en maio sen ter sequera as autorizacións necesarias. Coa celeridade que lles caracterizou no proceso, o dano actual ao terreo amósase evidente e, tristemente, irreparable en varias zonas. Dende Salvemos O Iribio denúnciase a destrución parcial do Camiño Real que une Vilafranca do Bierzo e Monforte que discorre polos cumes, e a total destrución da Medorra de Fial, así como de hábitats prioritarios. Durante un ano de loita por parte de diferentes asociacións, a Xunta de Galiza puxo trabas, ocultando durante oitomeses a información e evadindo coa modificación “non substancial” unha nova avaliación de impacto ambiental, que agora non superaría.

Red de Apoyo Mutuo en Respuesta a los Megaproyectos Energéticos “aposta por un modelo enerxético transparente, democrático e descentralizado […] redución do consumo enerxético, as enerxías renovables, o autoconsumo e as redes de distribución local. Todo iso encamiñado a unha verdadeira transición cara a un novo modelo enerxético sustentable, que potencie a soberanía enerxética de pobos e persoas”


Este parque foi promovido pola empresa Fergo Galicia Vento S.L., división enerxética da construtora coruñesa Fergo Galicia.
O seu conselleiro delegado e principal accionista é Emilio Fernández Gómez. Na vicepresidencia e no capital participan tamén Estudos e Investimentos do Noroeste, con sede na Coruña e administrada por Emilio Rey Berguer, exconselleiro delegado de La Voz de Galicia e fillo do presidente deste xornal; tamén por Joaquín Evia Vázquez, un militar na reserva, exdirector xeral do grupo Voz e por Pablo Vilar Díaz. Estudos e Investimentos do Noroeste participaba tamén no sector enerxético a través de Hidroeléctrica de Avión, onde entre outros cargos foi liquidador o empresario Luis Castro Valdivia, que xestiona varios parques e minihidráulicas en Galiza outorgados na época na que o director xeral de Industria, Enerxía e Minas co PP era o seu cuñado Ramón Ordás; feito polo que este último foi imputado por prevaricación. Valdivia, coma tantos compatriotas galegos, tamén se expandiu por Latinoamérica e só en Guatemala a súa empresa atesoura varias denuncias de diferentes ONG  —coma Intermon Oxfam, Amigos da Terra ou Alianza pola Solidariedade — por violacións, abusos, represión, desaparicións e mortes de indíxenas que están a ser xulgadas actualmente.
É Honorato López Isla quen ostenta a presidencia de Fergo Galicia ademais de posuír unha gran participación no seu capital. Lopez Isla, expresidente de R, exconselleiro delegado e exvicepresidente de Unión Fenosa, foi tamén, grazas á súa amizade con Florentino Pérez, conselleiro independente do conglomerado empresarial de Saeta Yield, a filial renovable de ACS. Aínda por riba, López Isla apostou pola creación dun grupo propio dentro deste frutífero negocio da enerxía renovable, creando Smartener, paraugas xestor baixo o que se acubillan diversas empresas. O grupo Smartener, con domicilio en Madrid, adquiriu a Eólica Galenova, a filial enerxética de Abanca. Ademais Smartemer posúe o 100 % de Maldonado Renovables, que levantou o primeiro parque eólico de Uruguai, e un 65 % da firma Fuerza y Enegía Limpia de Yucatán. Alí, en México, tanto esta última empresa como filiais de Iberdrola, Gas Natural Fenosa ou Acciona, entre outras, son reiteradamente acusadas polas asembleas dos pobos indíxenas de vulneración de dereitos, de falla de información, ausencia de consulta ceibe, previa e informada ás comunidades como obriga a lei e os convenios internacionais.
Galiza comeza o 2020 con máis de 180 parques eólicos e 4000 MW, e con 5000 MW máis solicitados. Só en 2019 instaláronse uns 575 MW, máis ca en todo o período xunto de 2008-2018. Lugo posiciónase como a terceira provincia en xeración de enerxía eólica de todo o Estado español, só por detrás de Albacete e de Burgos.
Segundo os datos de Red Eléctrica, neste mes de outubro pasado a capacidade de produción eléctrica estatal situábase nos 106 764 MW, sendo o noso pico do consumo en 2018 de 40 947 MW e o máximo histórico de 45 450 MW en decembro do ano 2007. Existe un sobredimensionamiento do parque enerxético evidente que multiplica por máis de 2,5 a necesidade da demanda. Aínda así, durante 2019 o Estado español estivo importando enerxía moi barata dende Marrocos para especular, coincidindo coa posta en marcha dunha central marroquí de carbón. Mais aínda nos preguntamos por que centos de aeroxeradores permanecen parados durante meses.
Un estudo levado a cabo por FACUA amosa que a nosa factura da luz incrementouse un 85,7 % nos últimos quince anos, mentres as ganancias do oligopolio enerxético son desorbitadas ano tras ano, como amosan os 2517 millóns de beneficio neto de Iberdrola nos nove primeiros meses do ano 2019.
O 27 de novembro El Progreso celebrou un acto sobre o despoboamento en Lugo, patrocinado polas administracións galegas e as empresas Endesa e Norvento. Neste, amósanse os eólicos coma “unha solución intelixente” ante o despoboamento. Ante esta idea, temos o exemplo de Muras, o municipio con máis eólicos da Galiza, que tamén é o municipio con máis perda poboacional (-50 %) nos últimos trinta anos da provincia lucense.
Unidos o poder económico, político e dos grandes medios de comunicación do país nesta lóxica de acaparación do capital, onde a vida tanto no rural galego coma nas comunidades indíxenas latinoamericanas parecen pasar a segundo plano, fai pensar que a idea da descarbonización non pode ser o único obxectivo a ter en conta nesta situación de crise na que nos atopamos. A costa, as serras e as mesetas galegas vense invadidas por aeroxeradores que esnaquizan hábitats, paisaxes, milleiros de vidas animais e fan cada vez máis inviable a vida no rural, como xa acusan moitos veciños destes parques e como demostran estudos sobre a habitabilidade preto destes muíños, nos que se van coñecendo cada vez máis afeccións á saúde como a “síndrome da turbina eólica”.
Organizacións en defensa da xustiza ambiental e enerxética defenden outros modelos, como ben apunta a RED de Apoyo Mutuo en Respuesta a los Megaproyectos Energéticos, integrada por máis de cincuenta organizacións ambientais e cidadás representativas do Estado español e francés, que “aposta por un modelo enerxético transparente, democrático e descentralizado […] redución do consumo enerxético, as enerxías renovables, o autoconsumo e as redes de distribución local. Todo iso encamiñado a unha verdadeira transición cara a un novo modelo enerxético sustentable, que potencie a soberanía enerxética de pobos e persoas”.

Rexistro eólico de Galiza (Xunta de Galicia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará